Movemento Sumar Galicia esixe o cesamento inmediato do edil investigado en Baiona pola autorización de vivendas turísticas
Movemento Sumar Galicia considera absolutamente insuficiente a decisión adoptada polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, de retirar as competencias de Urbanismo a José Ángel Bahamonde mentres a Fiscalía investiga a súa vinculación cunha empresa relacionada coa construción de apartamentos turísticos autorizados desde o propio departamento municipal que dirixía.
Para a organización, esta decisión evidencia a gravidade da situación e a imposibilidade de manter a normalidade política dentro do goberno municipal. A formación considera que non abonda cun relevo parcial de funcións mentres o edil continúa formando parte do executivo local ocupando responsabilidades na área de Medio Ambiente. Movemento Sumar Galicia entende que debe ser apartado de maneira inmediata de todas as funcións de goberno ata que os feitos sexan completamente esclarecidos.
A vinculación de José Ángel Bahamonde coa empresa promotora destas vivendas turísticas resulta, para Movemento Sumar Galicia, evidente e incompatible coa responsabilidade institucional que debe exercer calquera cargo público. A organización considera que non é necesario agardar a novas declaracións formais de incompatibilidade para asumir responsabilidades políticas inmediatas.
Movemento Sumar Galicia lembra ademais que esta promoción estaría fi nanciada con fondos europeos, unha cuestión que aumenta aínda máis a gravidade dos feitos investigados. A formación considera intolerable que poidan existir sospeitas de utilización das institucións públicas para favorecer intereses privados vinculados a membros do goberno municipal.
A organización denuncia tamén o modelo especulativo arredor da vivenda turística que continúa expandíndose mentres milleiros de persoas teñen enormes difi cultades para acceder a unha vivenda digna. Fronte a isto, Movemento Sumar Galicia reivindica a necesidade de impulsar políticas públicas de vivenda que garantan o dereito a vivir dignamente e que destinen os recursos públicos e europeos á creación de vivenda pública e social para quen máis o precisa.
Por todo isto, Movemento Sumar Galicia reclama o cesamento total e inmediato do concelleiro investigado e esixe explicacións públicas claras por parte de Jesús Vázquez Almuiña sobre a responsabilidade política deste caso e sobre os mecanismos de control empregados polo goberno local durante a tramitación destas autorizacións.

Ningún comentario:
Publicar un comentario