27 de abr. de 2026

BAIONA / OIA

A Xunta de Galicia instala 28 paneis divulgativos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación en distintos puntos dos concellos de Baiona e de Oia 

  O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento


Augas de Galicia, acaba de completar a instalación dun total de 28 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación nos concellos de Baiona e de Oia
Foto: X.G.

Infogauda / Baiona / Oia

 A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, acaba de completar a instalación dun total de 28 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación nos concellos de Baiona e de Oia co fin de concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a estas zonas así como sobre as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio deste tipo.  

 En concreto, colocáronse 13 carteis de distintos tipos (7 reducidos, 3 xerais a 2 caras, 2 xerais a 1 cara e 1 panel infantil) na área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) Río Groba, no concello de Baiona, e outros 13 (5 paneis reducidos, 4 xerais a 2 caras, 3 xerais a 1 cara e 1 infantil) na Arpsi Rego de Bahíña, no mesmo municipio. Ademais, no caso de Oia procedeuse á instalación dun único panel xeral con dúas caras na Arpsi Rego de Viladesuso e doutro de tipo reducido na Arpsi Rego de Mougás.  

 Segundo se recolle no Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, estas catro zonas pertencen ao grupo IV, que é aquel no que están incluídas as áreas fluviais de maior perigosidade e risco desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos.  

 Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles da Demarcación Galicia-Costa.  

 Deste xeito, cómpre lembrar que Augas de Galicia colocou xa este tipo de indicadores en 18 concellos con áreas con alto risco de inundación dentro do seu territorio: Gondomar, Bueu, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Arteixo, Sada, Fene, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Coruña, Baiona e Oia.  

 Cando se trata de zonas máis amplas a sinalizar, como no caso de Baiona, o organismo hidráulico adoita combinar diferentes formatos e tipoloxías de carteis, como os paneis xerais, os máis completos xa que inclúen información específica sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento, ou os infantís, cunha estética e linguaxe adaptadas á idade do público ao que van dirixidos.  

 O organismo autonómico reforza deste xeito o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria para a xestión do risco de inundación.  

 No caso concreto das actuacións de sinalización levadas a cabo en Baiona e Oia, Os traballos para instalar estes carteis na contorna do río Groba e dos regos da Bahíña, de Mougás e de Viladesuso —cun custo de 10.815 euros— enmárcanse no contrato de Augas de Galicia para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento global de preto de 700.000 euros.  

 Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi desenvólvense tamén obradoiros nos centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario