PERSOAL DE CORREOS MOBILÍZANSE AO BERRO DE “QUEREMOS TRABALLAR E NON REBENTAR”
• A CIG insta a Inspección de Traballo a actuar contra a precariedade
• Denuncian o pésimo servizo que se lle está a dar a cidadanía
Foto: CIG
Infogauda / Redondela
O persoal de Correos en Redondela e doutras unidades manifestouse esta mañá diante do Concello da localidade para mostrar publicamente o seu rexeitamento ao trato que a empresa lle está a dispensar o colectivo de persoas traballadoras, someténdoas cada día a mais presión, con menos persoal e unha total desorganización do traballo. Non se teñen en conta nin a dispersión, nin a extensión do territorio, nin o quilometraxe, nin a modalidade de envíos a entregar, sinala a CIG.
“Viven na incerteza permanente ao ter que estar cambiando constantemente de zonas de reparto. Correos pretende unha Amazonización da compañía”, sinalan en referencia á multinacional Amazón. Onde a precariedade nas condicións de traballo está a ser causa de folgas en estes días. Reclaman dende a CIG que “este Goberno que se di progresista non permita que nin en Correos, nin ningunha outra empresa de reparto, teña condicións de precariedade. Non pode ser que Correos para competir con estas outras empresa do sector da loxística, teña que ser a costa de debilitar as condicións de traballo”. Polo que instan a Inspección de Traballo a actuar diante do que consideran verdadeiros atentados contra a saúde do persoal.
Este modo de actuar por parte da empresa pública está derivando nunha epidemia de problemas de saúde e accidentes laborais, que esta organización sindical ten denunciado precisamente diante dos servizos de inspección.
Toda esta forma de facer, lonxe de representar unha mellora no servizo que selle ofrece a cidadanía, provoca un empeoramento notable, con entregas fora de prazo con graves consecuencias en ocasións para a veciñanza.

Ningún comentario:
Publicar un comentario