21 de mar. de 2026

CULTURA

A Deputación incorpora á colección do Museo un debuxo que Castelao realizou aos poucos días de chegar a Bos Aires, en 1940 

“O día que saímos da nosa patria” foi adquirido xunto á ilustración “Paisaxes pontevedresas e flores”, de Carmen Babiano Méndez-Núñez


“O día que saímos da nosa patria”, de Castelao
Fonte: D.PO.
“Paisaxes pontevedresas e flores”, do que é autora Carmen Babiano Méndez-Núñez

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra acaba de incorporar á colección do Museo de Pontevedra dous debuxos de notable importancia histórica e artística. Trátase de “O día que saímos da nosa patria”, un debuxo de Castelao que este asinou poucos días despois da súa chegada a Arxentina, e “Paisaxes pontevedresas e flores”, do que é autora Carmen Babiano Méndez-Núñez. Ambos pertencían a unha colección particular e foron mercados por un prezo conxunto de 6.000 €.  

 O debuxo realizado por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é, segundo Ángeles Tilve, directora do Museo, “un moi interesante exemplo da produción do artista no exilio, sendo moi simbólico do mesmo o lema co que titulou esta obra”. Un aspecto que lle dá un valor singular a este debuxo é que está asinado poucos días despois da súa chegada a Bos Aires (Arxentina), o que resulta moi significativo en relación co título.  

 O debuxo atópase nun aceptable estado de conservación, aínda que vai requirir unha intervención do equipo de restauración do Museo, debido a que o papel ten algunhas zonas deterioradas nos bordes. Unha vez estea restaurado, incorporarase á exposición permanente do Museo de Pontevedra, nas salas que lle dedica no edificio que leva o seu nome.  

 O segundo debuxo é obra da pontevedresa Carmen Babiano Méndez-Núñez, unha das poucas mulleres en Galicia que no século XIX puido desenvolver, durante algún tempo, unha certa carreira artística. Segundo Ángeles Tilve, “é un exemplo moi significativo da súa produción como ilustradora”. Nel reproduce unha vista da capela do Pazo do Real (O Con-Moaña), propiedade familiar onde estivo enterrado Casto Méndez Núñez entre 1869 e 1887, así como una vista do barrio da Moureira de Pontevedra.  

 Segundo a directora do Museo, o debuxo “podemos situalo cronoloxicamente entre 1879 e 1881, pois o estilo e as paisaxes pontevedresas reproducidas presentan unha grande similitude cos que Carmen Babiano publicou na revista La Ilustración Gallega y Asturiana en xuño de 1879”. E engade que, polo tipo de composición, “é moi posible que estivese destinada a ser publicada pola autora nalgunha das revista ilustradas da época”. O estado de conservación da obra é excelente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario