Luis López entrega as primeiras axudas da historia da Deputación para Protección Civil: 100.000€ para que 22 agrupacións da provincia melloren os seus equipamentos
• O mandatario provincial, acompañado polo deputado da área Alejandro Lorenzo, anuncia diante de voluntarios de distintas agrupacións da provincia que a tramitación da segunda convocatoria desta liña de axudas pioneira xa está en marcha: “Viñeron para quedar”
Foto: Rafa Estévez
Infogauda / Pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, entrega a representantes de 22 agrupacións de Protección Civil de distintos concellos da provincia as primeiras axudas da historia da Deputación deseñadas especificamente para estes colectivos. Unha iniciativa dotada con 100.000 euros que repartiu subvencións comprendidas entre os 5.000 e os 2.000 euros cos que estas entidades poderán facer fronte a diversos investimentos para a adquisición de equipamentos, de material para emerxencias, de epis, maquinaria de extinción de lumes, material sanitario, medios de telecomunicacións, equipos informáticos, ferramentas ou uniformes. “Hoxe demostramos que os compromisos que adquire a Deputación pasan á realidade e podemos adiantarvos que estas axudas chegaron á Deputación para quedar”, afirmou o presidente Luis López nun acto no que tamén participou o deputado responsable da área de Emerxencias, Alejandro Lorenzo.
No salón de plenos do Pazo provincial déronse cita representantes de agrupacións de voluntarios de Protección Civil de 22 concellos de toda a provincia para recibir de mans do presidente Luis López e do deputado provincial de Emerxencias, Alejandro Lorenzo, os carteis que os recoñecen como beneficiarios da primeira liña de axudas destinadas a agrupacións de Protección Civil da provincia aprobadas pola Deputación de Pontevedra. “É un apoio, agradecemento e recoñecemento por parte da Administración por ese labor fundamental que facedes”, dixo o deputado de Emerxencias para darlle a benvida aos asistentes. Pola súa banda, o presidente da Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil, Javier Lois, recoñeceu que “nunca tivemos estas axudas” e expresou o “agradecemento” do colectivo ao goberno provincial por “abrirnos as portas por primeira vez”.
As agrupacións beneficiarias que recolleron no salón de plenos o cartel que recoñece a concesión desta primeira convocatoria de axudas son: Lalín (5.000€), Valga (4.875€), Cambados (5.000€), Vilagarcía (5.000€), Meis (4.290€), Cangas, (4.290€), Cerdedo-Cotobade (4.970€), Oitavén-Tea (5.000€), Agolada (5.000€), O Porriño (5.000€), Tui (3.925€), Poio (5.000€), Caldas de Reis (5.000€), Vilanova de Arousa (3.880€), Cuntis (2.560€), Ribadumia (3.775€), Portas (3.790€), Moraña (3.720€), O Rosal (2.040€), Salceda de Caselas (4.480€) e Dozón (4.960€), cuxos representantes non puideron asistir ao acto. Así mesmo, a agrupación de Catoira permanece en lista de agarda ao esgotarse o orzamento da convocatoria. “En nome de toda a provincia queremos agradecervos o voso labor e compromiso diario. Se esta provincia é extraordinaria é grazas a xente coma vós”, declarou o presidente Luis López despois de entregar os certificados.
A colaboración da Deputación cos colectivos de Protección Civil da provincia non quedará nunha colaboración puntual. “A segunda convocatoria xa está no forno, chegará con melloras en base ás vosas achegas para que se adapte ás vosas necesidades”, sinalou o mandatario provincial para confirmar a convocatoria dunha segunda liña de axudas que se aprobará proximamente. “A Deputación seguirá estando aí”, asegurou Luis López antes de poñer en valor o papel destas agrupacións no día a día da provincia. “Sodes sempre os primeiros en chegar e os últimos en marchar, xa sexa en festas culturais ou en accidentes. E o facedes cun carácter altruísta e sen esperar nada a cambio”, enxalzou o presidente da Deputación para agradecer o labor dos voluntarios.

Ningún comentario:
Publicar un comentario