Balance anual
Abel Losada destaca que case 45.000 persoas participaron nas actividades de formación en seguridade do Plan Director
O subdelegado insta á Garda Civil e á Policía Nacional a incluír consellos de protección ocular á toda a comunidade escolar de cara a eclipse total de sol do próximo 12 de agosto
Durante o ano pasado realizáronse 2.482 vixilancias en centros educativos o que permitiu desactivar dous puntos de “trapicheo” de drogas
O subdelegado presidiu esta mañá a comisión provincial que analiza este dispositivo do Ministerio do Interior e que despregan a Garda Civil e a Policía Nacional en tódolos centros educativos da provincia coa colaboración da Consellería de Educación
Foto: S. do G.
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, cualificou como “excelentes” os resultados do balance anual do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas contornas na provincia de Pontevedra no ano 2025. O subdelegado presidiu esta mañá a comisión provincial que analiza este dispositivo do Ministerio do Interior e que despregan a Garda Civil e a Policía Nacional en tódolos centros educativos da provincia coa colaboración da Consellería de Educación.
Na xuntanza participaron, ademais do subdelegado do Goberno en Pontevedra, o responsable da Alta Inspección de Educación en Galicia, Xosé Alfeirán; o inspector de Educación da Xunta de Galicia José María Alén, a xefa da Unidade de loita contra a Violencia sobre a muller da Subdelegación, María José Rodríguez, e as persoas responsables das unidades especializadas da Policía Nacional e da Garda Civil que se encargan de coordinar as actividades na provincia.
Abel Losada celebrou tamén o “enorme impacto” do Plan Director na provincia, dado que en 2025 chegou a un total de 44.941 persoas da comunidade educativa, o que supón o triplo que hai unha década. Delas un total de 41.503 foron alumnos e alumnas; 1.064, nais e pais e os restantes 2.374 membros do profesorado. No conxunto de Galicia participaron 155.738 persoas, polo que a provincia de Pontevedra volve achegar preto dun terzo do total. Abel Losada atribuíu estas cifras ao “gran traballo que fan os equipos da Garda Civil e da Policía Nacional e a unha oferta de cursos e actividades que van cambiando ano a ano, adaptándose perfectamente aos cambios da sociedade”. En total, durante 2025 realizáronse 1.500 accións do Plan Director, entre os 1.434 cursos de formación e as 66 exhibicións de medios e xornadas de portas abertas organizadas tanto pola Garda Civil como pola Policía Nacional.
Só gafas homologadas
Abel Losada instou aos responsables do Plan Director nas Forzas e Corpos de Seguridade a incluír, de maneira sistemática, consellos útiles para contemplar con seguridade a próxima eclipse total de sol, un evento que vai ser especialmente visible na nosa provincia, e que supón un “risco obxectivo” para a saúde ocular. Neste senso, recolleu os consellos que as asociacións de observación astronómica da provincia deron nunha recente xuntanza de coordinación sobre este tema. Losada insistiu na evidencia de que as lesións de retina, que son irreversibles, increméntanse despois das eclipses, polo que reclamou que se insista na necesidade de usar sempre gafas homologadas coa a certificación ISO 12312-2:2015.
Por outra banda, o Plan Director incluíu tamén 2.482 vixilancias nas contornas dos centros educativos da provincia durante o ano pasado. O resultado destes operativos policiais foi o desmantelamento de dous puntos de “trapicheo” de drogas, cifra en consonancia cos anos anteriores. En toda Galicia foron 9 os puntos desarticulados.
A ciberseguridade e o ciberacoso
As 1.434 sesións formativas impartidas abrangueron unha ampla variedade de temas de interese para a comunidade educativa. Volven destacar as sesións relativas á ciberseguridade (467) e o ciberacoso (371) como as máis demandadas. Seguen tamén a crecer as sesións relacionadas coas adiccións a sustancias (106) e videoxogos (95). Outros aspectos formativos que están a demandarse son as formacións para a prevención da violencia sobre a muller (109) a seguridade viaria (84), a relacionada cos delitos de odio (78) e a protección do medio ambiente (46).
O subdelegado recordou tamén que o Plan Director está aberto a centros privados, ao igual que os públicos, e mesmo a clubs e entidades deportivas que traballen con menores, polo que animou ás direccións e ás asociacións de nais e pais a solicitalo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario