A CIG-Servizos convoca novas protestas contra a precariedade, a falta de persoal e a sobrecarga de traballo nos grandes almacéns
• Desenvolverá concentracións este venres 27, ás 12:30 horas, diante de establecementos da Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Vilagarcía e Ferrol
Infogauda / Galiza
A CIG-Servizos continúa coa campaña contra a precariedade, a falta de persoal e a sobrecarga de traballo e en defensa de condicións laborais dignas e salarios xustos no sector de grandes almacéns. Neste marco, este venres 27 de marzo haberá novas mobilizacións, que darán paso á xornada de folga do Xoves Santo, 2 de abril, festivo de apertura no comercio.
LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS
- A Coruña: Ikea CC. Marineda.
- Vilagarcía: Alcampo (avenida Carolinas, 25).
- Ferrol: Alcampo Polígono da Gándara.
- Santiago: Alcampo CC. Área Central.
- Lugo: Carrefour Lugo.
- Vigo: Alcampo CC. Vialia.
Dende a central lembran que empresas como El Corte Inglés, Carrefour, Alcampo, Leroy Merlin, MediaMarkt, IKEA, Conforama, C&A, Feu Vert, Toys“R”Us, Obramat ou Fnac continúan aplicando modelos organizativos que precarizan as condicións laborais das persoas traballadoras do sector en Galiza. Ao tempo que aumentan as cargas de traballo, reducen os cadros de persoal e non cobren baixas, vacacións nin licenzas. “Unha situación está a provocar máis presión e ritmos de traballo cada vez máis elevados, con consecuencias directas na saúde dos cadros de persoal”.
Trátase ademais dun sector altamente feminizado e cunha elevada porcentaxe de contratos a tempo parcial, no que resulta moi difícil conciliar a vida laboral e familiar.
No que as compañías impoñen o traballo en domingos e festivos autorizados pola Xunta de Galiza, moitas veces sen compensación e mesmo incumprindo os descansos establecidos pola lei. “Mentres tanto, os salarios apenas superan o SMI e non recoñecen nin a responsabilidade nin a carga real de traballo, mentres as empresas seguen obtendo beneficios multimillonarios ano tras ano”.
A CIG denuncia que este deterioro laboral e salarial é consecuencia directa da mesa de negociación que se desenvolve en Madrid, “onde os grandes sindicatos estatais actúan como cómplices necesarios, xa que como asinantes reiterados deste convenio estatal certifican e perpetúan que a clase traballadora galega padeza condicións laborais e salariais precarias”.
Polo que a central sindical decidiu poñer en marcha unha campaña de mobilizacións que comezou o pasado 6 de abril con concentracións en distintos establecementos e que continuará este venres 27 con novas protestas e o xoves 2 de abril cunha xornada de folga no sector a nivel galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario