Conciliación e Protección Social con Perspectiva de Violencia de Xénero
Abel Losada destaca os avances normativos da man do Goberno para loitar contra a violencia económica exercida sobre as mulleres
O subdelegado do Goberno destaca que a violencia de xénero ten moitas caras “porque é un monstro con moitas cabezas”
Na Xornada sobre Conciliación participaron profesionais dos CIM, Servizos Sociais, asociacións, ONG e Forzas e Corpos de Seguridade
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, puxo en valor os avances normativos da man do Goberno de Pedro Sánchez para atacar o fenómeno da violencia de xénero en tódalas súas facetas, tamén a da violencia económica “porque o concepto de violencia de xénero é multifactorial: é un monstro con moitas cabezas”. Fíxoo durante a inauguración da xornada sobre Medidas de Conciliación e Protección Social con Perspectiva de Violencia de Xénero que se celebrou no salón de actos da sede da Axencia Tributaria en Pontevedra.
No acto, no que tamén participou xefa da Unidade de Prevención da Violencia na Subdelegación, María José Rodríguez, o subdelegado resaltou a importancia das políticas públicas que permiten ás vítimas acceder a prestacións, manter a súa estabilidade laboral e reconstruír as súas vidas con autonomía. Neste senso, incidiu en que a protección social é “unha ferramenta esencial de liberdade” e por iso resaltou a necesidade de realizar xornadas de formación como esta para poñer ao día ás profesionais que están día a día no combate contra a violencia e no asesoramento das mulleres.
Abel Losada aproveitou o acto para volver recoñecer o papel destas profesionais, especialmente dende os CIM, pero tamén dende tódalas asociacións e entidades que teñen entre os seus obxectivos o acompañamento das mulleres que pasan por unha situación de violencia. Recordou que hai ben pouco, a presidenta dos CIM, Montserrat García, falou na Subdelegación do Goberno sobre como a violencia de xénero abrangue tamén a violencia vicaria, a económica e, ultimamente, a ciberviolencia.
Losada presentou tamén a Mariña Dobarro Caamaño, xefa da Sección de Incapacidade Permanente no INSS, que foi a encargada de impartir os contidos técnicos sobre Ingreso Mínimo vital, permisos para coidado e as novidades que introduce a nova Lei de Familias, que supón un paso máis na conciliación.
O subdelegado destacou que España foi en 2004 un dos primeiros países do mundo en lexislar sobre violencia de xénero e pouco despois, en 2007, sempre da man do Goberno de Zapatero púxose en marcha o sistema de protección VioGén. “Nestes últimos 22 anos moito temos avanzado, pero tamén hai risco de retroceder, como demostran día a día os meidos de comunicación; é unha batalla difícil, pero hai batallas que un estado democrático e de dereito, como é España, ten que dar”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario