Desenvolven novas protestas contra a precariedade, a falta de persoal e a sobrecarga de traballo nos grandes almacéns
• A CIG mobilizouse este mediodía diante de establecementos de Alcampo, Ikea e Carrefour na Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Vilagarcía e Ferrol
Infogauda / Galiza
A CIG-Servizos continuou hoxe coa campaña que está a desenvolver contra a precariedade, a falta de persoal e a sobrecarga de traballo e en defensa de condicións laborais dignas e salarios xustos nos grandes almacéns. Nesta ocasión desenvolveu concentración diante de establecementos de Alcampo, Carrefour e Ikea na Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Vilagarcía e Ferrol. Mentres que para este 2 de abril, Xoves Santo e festivo de apertura no comercio, a central sindical ten convocada unha xornada de folga no sector.
Dende a CIG lembran que empresas como El Corte Inglés, Carrefour, Alcampo, Leroy Merlin, MediaMarkt, IKEA, Conforama, C&A, Feu Vert, Toys“R”Us, Obramat ou Fnac continúan aplicando modelos organizativos que precarizan as condicións laborais das persoas traballadoras do sector en Galiza. Ao tempo que aumentan as cargas de traballo, reducen os cadros de persoal e non cobren baixas, vacacións nin licenzas. “Unha situación está a provocar máis presión e ritmos de traballo cada vez máis elevados, con consecuencias directas na saúde dos cadros de persoal”.
Trátase ademais dun sector altamente feminizado e cunha elevada porcentaxe de contratos a tempo parcial, no que resulta moi difícil conciliar a vida laboral e familiar. No que as compañías impoñen o traballo en domingos e festivos autorizados pola Xunta de Galiza, moitas veces sen compensación e mesmo incumprindo os descansos establecidos pola lei. “Mentres tanto, os salarios apenas superan o SMI e non recoñecen nin a responsabilidade nin a carga real de traballo, mentres as empresas seguen obtendo beneficios multimillonarios ano tras ano”.
A central sindical denuncia que este deterioro laboral e salarial é consecuencia directa da mesa de negociación que se desenvolve en Madrid, “onde os grandes sindicatos estatais actúan como cómplices necesarios, xa que como asinantes reiterados deste convenio estatal certifican e perpetúan que a clase traballadora galega padeza condicións laborais e salariais precarias”.
Polo que decidiu poñer en marcha unha campaña de mobilizacións que comezou o pasado 6 de abril con concentracións en distintos establecementos, que continuou este venres con novas protestas e que seguirá o vindeiro xoves 2 de abril cunha xornada de folga no sector a nivel galego.
Principais reivindicacións
Para reverter esta realidade laboral, a CIG reclama unha serie de medidas urxentes que deben incluír cando menos:
- Incremento dos cadros de persoal, convertendo xornadas parciais en completas e garantindo a contratación necesaria para evitar a sobrecarga de traballo.
- Descanso e conciliación real, con quendas e horarios estables que non sufran cambios constantes e que permitan conciliar a vida persoal, familiar e laboral, garantindo o descanso diario e semanal e a voluntariedade de traballar en domingos e festivos.
- Salarios xustos, mediante pluses que recoñezan o valor do traballo e retribúan aspectos como a responsabilidade, a polivalencia ou a dispoñibilidade.
- Acordo Marco Galego de Comercio, cun compromiso firme para crear unha mesa de negociación que dea resposta ás necesidades do comercio galego e que protexa a negociación provincial fronte á estatal, que como se está demostrando só serve para recortar dereitos e condicións laborais da clase traballadora galega.

Ningún comentario:
Publicar un comentario