Emerxencias
Os concellos da provincia acuden ao Goberno de España para solicitar máis de 16 millóns de euros polos danos causados polos temporais nos servizos públicos
Abel Losada: “É un auténtico escándalo que a Xunta de Galicia e a Deputación se puxeran de perfil e teña que vir “papá Estado” a botar unha man os concellos”
Un total de 23 concellos, case un terzo do total da provincia, optan as axudas de Zona Afectadas por Emerxencia de Protección Civil
A Subdelegación recibe 331 solicitudes para reparar camiños, praias, edificios municipais, paseos, alumeados, instalacións deportivas, de-puradoras e colectores
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recolleu un total de 331 presolicitudes procedentes de 23 concellos para reparar todo tipo de servizos municipais básicos danados polo tren de borrascas que varreu Galicia durante os pasados meses de decembro e xaneiro. As axudas ampáranse na declaración de Galicia como Zona Afectada Gravemente por Emerxencia de Protección Civil (ZAGPEC) aprobada polo Consello de Ministros do pasado 29 de decembro.
A Subdelegación tramitou tódalas solicitudes para o seu envío ao Ministerio de Política Territorial, que agora analizará as peticións e resolverá favorablemente as que cumpran as condicións destas subvencións por emerxencias, abrindo un período para a presentación formal das solicitudes cun procedemento de concorrencia non competitiva, é dicir, dirixido específicamente a estes concellos.
Abel Losada, que se dirixiu aos 61 concellos para invitalos á presentación da documentación preliminar, agradece aos 23 concellos o esforzo realizado e confía en que a resolución que finalmente adopte o Ministerio sexa o máis favorable posible. “Non corresponde á Subdelegación valorar as propostas; os concellos terán que xustificalas diante do Ministerio e acreditar que os danos se corresponden efectivamente cos efectos dos temporais”.
En todo caso, o subdelegado considera que estas 331 propostas, enviadas por case un terzo dos concellos da provincia evidencian “o auténtico escándalo que supón que a Xunta de Galicia se puxera de perfil, evitando a declaración da emerxencia no nivel 2, como lle reclamaron varios alcaldes e esta Subdelegación”. O subdelegado engade que de ter activado o nivel 2 no plan Inungal, a Xunta tería aberto a porta das axudas autonómicas. Ao mesmo tempo, amosa a súa estrañeza de que a Deputación tamén rexeitara habilitar axudas extraordinarias cando estamos a ver que hai 331 solicitudes de 23 concellos.
A relación de concellos solicitantes é a seguinte:
• A Cañiza incluíu 3 obras valoradas en 491.000 euros para reparar postes de alumeado público, viais e muros.
• A Guarda, 2 obras valoradas en 98.000 euros para unha presa, muros e tubaxes.
• A Illa de Arousa, 18 obras valoradas en 852.000 euros para accesos a praias, alumeado público, cadros eléctricos, bombeos e muros.
• Agolada, 2 obras valoradas en 669.000 euros para reparar vías municipais.
• Cambados, 7 obras valoradas en 22.000 euros para reparación en edificios municipais e equipamentos.
• Campo Lameiro, 8 obras, valoradas en 109.000 euros, para mellora de muros e viais danados.
• Cerdedo-Cotobade, 12 obras valoradas en 413.000 euros para actuacións en viais municipais e alumeado público.
• Crecente, 15 obras valoradas en 300.000 euros para reparar viais municipais.
• Cuntis, 5 obras por 770.000 euros para arranxar paseos fluviais, tellados, alumeado público e depuradoras.
• Forcarei, 5 obras valoradas en 182.000 euros para actuar sobre muros, viais e alumeado público.
• Marín, 11 obras valoradas en 187.000 euros para actuacións e viais municipais.
• Moaña, 6 obras por importe de 219.000 euros destinadas a reparación en camiños, praias, alumeado, sendas litorais e cubertas.
• Grove, 38 obras por importe de 2,1 millóns de euros para pasarelas de madeira, casetas de socorristas, praias, aseos, bombeos, alumeado público e valados dunares.
• O Rosal, 11 obras valoradas en 156.000 euros para viais municipais.
• Poio, 11 actuacións por importe de 324.000 euros para reparr pasarelas, tellados, aseos, paseos e viais.
• Pontevedra, un total de 39 obras valoradas en 4 millóns de euros para obras en varios edificios municipais, colectores de saneamento, praias, sendas, camiños, alumeado e instalacións deportivas.
• Rodeiro, 23 obras valoradas en 2,7 millóns de euros destinados íntegramente a reparación en viais municipais.
• Salceda de Caselas, 2 actuacións por importe de 88.000 euros para un vial municipal e unha senda.
• Sanxenxo, 73 actuacións por importe de 1,2 millóns para edificios municipais, instalacións deportivas, camiños, sinais, marquesiñas, viais, muros de contención e praias.
• Silleda, 6 obras valoradas en 632.000 euros para reparacións en viais municipais.
• Tomiño, 12 obras valoradas en 75.000 euros para actuacións en camiños.
• Vilaboa, 3 obras por 35.000 euros para instalacións municipais, iluminación e unha depuradora.
• Vilanova de Arousa, 8 obras por importe de 375.000 euros para instalacións municipais, camiños e sendas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario