9 de mar. de 2026

O ROSAL

Venres Rebuldeiros para loitar pola igualdade   

 A biblioteca acollerá este venres 13 de marzo (18 horas) o espectáculo ‘Igual e diferentes’ ao abeiro da programación do 8M do Concello  

 Para nenos e nenas de 6 a 12 anos e de balde 

 


Infogauda / O Rosal 

 A igualdade tamén se aprende xogando. O Concello do Rosal continúa coa súa programación arredor do 8M, Día Internacional da Muller, cunha nova sesión dos Venres Rebuldeiros que converterá a Biblioteca Municipal nun espazo de diversión, reflexión e aprendizaxe para a rapazada. 

 A cita será este venres 13 de marzo ás 18.00 horas coa proposta ‘Igual e diferentes’, un espectáculo participativo a cargo de Manuel Solla que combinará contos, xogos e momentos de maxia para promover valores como a igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero. 

 A actividade está pensada para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos e será de balde, ofrecendo unha oportunidade para que as familias compartan un espazo educativo e lúdico no que a igualdade se converta nunha experiencia divertida e accesible. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia de traballar estes valores desde as primeiras idades. “A educación en igualdade é fundamental para construír unha sociedade máis xusta. Actividades como esta permítennos achegar estes valores á infancia dun xeito próximo, dinámico e adaptado á súa forma de entender o mundo”, salientou. 

 Con esta proposta, o Concello continúa desenvolvendo a programación especial do 8M, apostando por iniciativas que implican a toda a veciñanza e que contribúen a promover unha cultura de igualdade e respecto desde a infancia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario