O Rosal abre a programación do 8M poñendo en valor a figura de Maruja Mallo
• A charla sobre esta artista pioneira inaugura este venres 6 unha axenda de actividades coas que o Concello reafirma o seu compromiso coa igualdade
Infogauda / O Rosal
A memoria, a arte e o feminismo tamén constrúen futuro. O Concello do Rosal dá inicio á programación do 8M cunha charla dedicada á artista pioneira e referente feminista Maruja Mallo, da man da tamén creadora e artista Gemma Marqués.
A cita será este venres 6 de marzo ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente e ofrecerá unha aproximación á figura dunha muller adiantada ao seu tempo, símbolo de liberdade e vangarda, cuxa traxectoria continúa sendo un referente na loita pola visibilidade e o recoñecemento das mulleres na cultura e na sociedade.
Baixo o lema “O Rosal S8MOS imparables”, a programación municipal arredor do 8 de Marzo artéllase como un espazo de reflexión, reivindicación e participación cidadá, poñendo o foco na igualdade real e no empoderamento das mulleres.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que esta programación “é unha mostra do compromiso firme do Concello coa igualdade e coa necesidade de seguir impulsando accións que fagan visible o papel das mulleres na historia, na cultura e na vida social. Iniciamos o 8M cunha figura como Maruja Mallo porque representa valentía, creatividade e ruptura de barreiras”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, subliñou que esta proposta “forma parte dunha programación pensada para implicar á veciñanza e promover a reflexión colectiva. Co lema S8MOS imparables queremos transmitir que o avance cara á igualdade non se detén e que o traballo diario no noso concello vai nesa dirección”.
A actividade inaugural marca o punto de partida dunha axenda que incluirá novas propostas ao longo das próximas semanas co obxectivo de consolidar o 8M como unha cita clave na dinamización social e na defensa dos dereitos das mulleres no municipio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario