24 de mar. de 2026

O PORRIÑO

O PSOE denuncia un contrato do SAF “mal calculado” que traslada custos ás traballadoras e pide a súa corrección inmediata  


David Alonso Sthela Táboas, portavoz municipal e concelleira, respectivamente, do PSdeG-PSOE do Porriño
Foto: GMS

Infogauda / O Porriño

 O PSdeG-PSOE de O Porriño presentará no vindeiro pleno unha moción para corrixir o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), tras detectar o que considera un fallo estrutural no seu deseño económico, que está a provocar que parte do custo real do servizo recaia directamente sobre as traballadoras. 

 O contrato, actualmente en fase de adxudicación, conta cun importe de 2.826.777,60 € para dous anos e establece unha previsión anual de 107.516 quilómetros, segundo consta no expediente técnico. Porén, os datos reais trasladados pola representación das traballadoras sitúan o volume de desprazamentos entre 162.000 e 220.000 quilómetros anuais, o que supón unha desviación de entre o 50% e máis dun 140% por riba do previsto. 

 Para o grupo socialista, esta diferenza non é unha cuestión menor, senón a evidencia de que o contrato “non está dimensionado sobre a realidade do servizo, senón sobre unha estimación claramente insuficiente”, o que repercute directamente nas condicións nas que se presta. 

 Ademais, o propio expediente económico recoñece un custo estimado de 0,33 € por quilómetro, mentres que na práctica a compensación ás traballadoras sitúase arredor de 0,26 € por quilómetro, nun contexto no que o prezo do combustible en O Porriño rolda os 1,79 euros por litro. Esta diferenza implica que son as propias auxiliares as que están a asumir unha parte do custo dun servizo público esencial. 

 O portavoz socialista, David Alonso, foi claro ao respecto, esplicando que “estamos ante un contrato millonario no que os números non cadran. O propio expediente recoñece un custo por quilómetro superior, ao que realmente se está pagando, e esa diferenza non desaparece: está sendo asumida polas traballadoras”. 

 Alonso engadiu que “non é razoable que, quen coida ás persoas máis vulnerables, teña que poñer o seu coche, pagar o combustible e perder cartos por traballar. Isto non é unha cuestión técnica, é unha cuestión de xustiza e de responsabilidade pública”.  

 Dende o PSdeG-PSOE subliñan que esta situación evidencia un problema de fondo na planificación do contrato, xa que “cando un servizo público non cobra os seus custos reais, alguén está asumindo esa diferenza, e neste caso son as traballadoras”. 

 Neste senso, a moción presentada polos socialistas non cuestiona a adxudicación do contrato, senón que propón a súa modificación unha vez formalizado, ao abeiro da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, co fin de adaptar a compensación por quilometraxe ao custo real do servizo e garantir unhas condicións dignas e sostibles. 

 O grupo socialista considera que esta medida é legalmente viable, económicamente asumible e necesaria para garantir a calidade do SAF, un servizo fundamental para a atención ás persoas maiores e dependentes do municipio. 

 Para rematar, David Alonso advertiu “non estamos ante un erro puntual, senón ante un contrato que nace cunha estimación de custos que non se corresponde coa realidade. Si se pode corrixir e non se fai, xa non estamos ante un problema técnico, estamos ante unha decisión política clara”. 

 O PSdeG-PSOE de O Porriño defende que a contratación pública debe responder á realidade dos servizos e das persoas que os prestan, e non trasladar custos ocultos a quen sostén no día a día a atención ás persoas máis vulnerables. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario