A Xunta de Galicia solta nas Gándaras de Budiño os primeiros exemplares de sapoconcho común tras a restauración ambiental deste humidal da Rede Natura
• Ángeles Vázquez indica que a actuación acometida deu como resultado un ecosistema recuperado e preparado para a vida e engade que restaurar dun xeito planificado e baseado en criterios técnicos é clave para conservar e preparar o futuro
Infogauda / O Porriño
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe na solta de oito exemplares de sapoconcho común (Emys orbicularis) nas Gándaras de Budiño, no Concello do Porriño, logo dos traballos de restauración ambiental que acometeu a Xunta de Galicia neste humidal que está incluído na Rede Natura 2000.
Nese senso, a conselleira puxo en valor que as actuacións levadas a cabo deron como resultado “un ecosistema recuperado e preparado para a vida”, dixo Ángeles Vázquez, que engadiu que restaurar dun xeito planificado e baseado en criterios técnicos é clave “para conservar e preparar o futuro”.
En concreto, os traballos feitos para mellorar a dinámica hidrolóxica da lagoa, favorecendo a permanencia da auga durante todo o ano, permitiron recuperar a funcionalidade ecolóxica do humidal e garantir a continuidade das especies que dependen del. “Creamos un ecosistema máis equilibrado, resiliente e adaptado ás necesidades das especies propias das zonas húmidas”, subliñou a conselleira.
Así, hoxe se reintroduciron na lagoa oito exemplares de sapoconcho común, que é unha especie emblemática e moi vulnerable, que está incluída no Catálogo galego de especies ameazadas. Ten, ademais, un alto interese para a conservación da biodiversidade, asociada a humidais ben conservados e con abundante vexetación acuática.
Polo tanto, a súa reintrodución nesta área supón o mellor exemplo do éxito das actuacións levadas a cabo polo Goberno galego nas Gándaras de Budiño porque a súa presenza é un indicador da boa calidade ambiental deste ecosistema acuático, onde o sapoconcho común atopa condicións adecuadas para o seu desenvolvemento, grazas á existencia dunha lámina de auga permanente, vexetación palustre e zonas tranquilas para a cría e refuxio. De feito, este espazo natural constitúe un enclave estratéxico para a súa conservación no sur da provincia de Pontevedra, funcionando como área de reprodución, alimentación e hibernación.
Nesa liña, segundo explicou a conselleira, para garantir a protección desta especie, varias decenas de exemplares foron retirados da lagoa antes do inicio dos traballos e, agora, unha vez estabilizado o hábitat tras concluír as actuacións e finalizada a época de hibernación, procederase á súa reintrodución progresiva.
Deste xeito, o humidal das Gándaras de Budiño reforza o seu papel como hábitat esencial tanto para o sapoconcho común, como para aves acuáticas de interese, como a cerceta real (Anas crecca), que atopan neste espazo un lugar axeitado para alimentarse, reproducirse e refuxiarse ao longo do ano.
Tal e como dixo a conselleira, actuacións como a levada a cabo pola Xunta, contribúen a preservar a biodiversidade, regular os ciclos naturais da auga e reforzar o papel dos humidais como infraestruturas naturais esenciais para o equilibrio ambiental e para a adaptación ao cambio climático.
Cómpre lembrar que os traballos se desenvolven nunha superficie de 376,86 hectáreas e contan cun orzamento de máis de 800.000 euros e xa hai prevista unha segunda fase cun investimento previsto de máis de 700.000 euros para, entre outras cuestións, duplicar a lámina de auga de 6.000 m2 restaurada coa acción en curso.

Ningún comentario:
Publicar un comentario