6 de mar. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

“Que nada as pare”: o Guardés lanza unha campaña solidaria para financiar a Minicopa 2026 

O equipo baixomiñoto volveu aliarse coa plataforma Terra Move para tratar de sufragar a participación do seu equipo cadete na Minicopa de España 2026 

A viaxe a Donostia, entre os principais gastos da competición 

Afeccionados e empresas poden colaborar xa na ligazón da campaña a través de doazóns que desgravarán ata o 80% na declaración da renda


 Equipo cadete que competirá na Minicopa 2026 o vindeiro mes de maio en Donostia
Foto: MAG

Redacción Deportes / A Guarda 

 O Club Balonmán Atlético Guardés volve solicitar o apoio dos seus para financiar a súa participación noutra competición importante. Tal coma o fixera para sufragar os gastos da EHF European Cup, o equipo miñoto volveu aliarse coa plataforma de mecenado Terra Move para lanzar a campaña “Que nada as pare”, dedicada á recadación de fondos para a Minicopa 2026, na que o seu equipo cadete competirá o vindeiro mes de maio en Donostia. 

 Persisten as dificultades económicas no club guardés debido á falta de investimento privado e institucional. A participación na EHF European Cup supuxo importantes gastos para a entidade, que se dirixe agora a unha fase final da tempada na que se concentran as conclusións de varias competicións, con tódolos desprazamentos e custos asociados que implican. 

 Entre elas, para a base baixomiñota destaca a esperada Minicopa de España, na que estarán un ano máis as súas cadetes grazas á clasificación do primeiro equipo á fase final da Copa de la Reina. Tres días de torneo (do 8 ao 10 de maio) en Donostia que supoñen un recoñecemento ao traballo de toda unha tempada; un fito que comporta moita ilusión pero tamén a tarefa de financiar esta presenza na competición, comezando pola viaxe en autobús ao País Vasco. 

 Cada ano, unha porción significativa destes fondos corre a conta das aportacións de comercios locais que, desinteresadamente, colaboran co equipo da súa vila. Pero esta tempada, grazas á plataforma de mecenado impulsada pola Xunta de Galicia Terra Move, as súas doazóns terán premio; ao tempo que este novo soporte permite ao Club abrir a mesma vía de financiamento aos seus afeccionados e a todo aquel interesado en colaborar nesta misión. É seguindo este espírito que o Guardés lanzou a campaña de recadación “Que nada as pare”, na que tanto particulares coma empresas poden doar xa a cambio de beneficios fiscais. 




 A dinámica é idéntica á da campaña europea: basta con entrar na campaña do Club na seguinte ligazón (https://www.amareterra.org/terramove/3251d8e4-27c5-4163-98a5-4b32b9ab345f): e facer clic en “doar agora”, onde se poderá escoller a cantidade a doar. 

 No caso de particulares, as doazóns de ata 250 euros desgravarán o 80% do seu IRPF na vindeira declaración da renda; cifra que se reduce ao 40% no caso das doazóns de máis de 250 euros, co límite máximo fixado no 10% da base liquidable deste imposto para as persoas físicas. É dicir: se un afeccionado realiza unha doazón de 250 euros antes de que remate este ano 2025, na próxima declaración da renda devolveránselle 200 euros.  No caso das empresas e autónomos ou persoas xurídicas, tamén é posible obter vantaxes a través do Imposto de Sociedades. Calquera doazón realizada por elas a partir de 1 euro desgravará o 40%, cun límite máximo fixado no 15% da base impoñible do IS.  

 É importante destacar que, en ambos casos, o Club recibirá o importe íntegro da doazón ao instante, posto que son a Xunta de Galicia e a propia Fundación Amare Terra as que financian estes incentivos fiscais. O diñeiro aportado tanto por seguidores como por empresas irá destinado por completo ao Guardés, o que converte a Terra Move nunha ferramenta de apoio directo ao equipo cadete, así como á entidade deportiva en todo o seu conxunto. 

 Coa vista posta nesa fin de semana de maio en Donostia, as cadetes da Sangriña seguen a loitar por que nada as pare, mentres o Club volve solicitar o apoio de todos para continuar levando o nome da Guarda ao máis alto, en todos os niveis posibles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario