Sentenza do TSXG condena a Mercadona por vulneración do dereito de liberdade sindical
• A CIG convoca unha mobilización diante do novo establecemento da empresa en Vigo para rexeitar a persecución ás súas delegadas/os
Infogauda / Vigo
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) condenou recentemente a Mercadona por vulneración do dereito de liberdade sindical a raíz da demanda de tutela de dereitos fundamentais presentada pola CIG, declarando a nulidade radical da conduta da empresa e establecendo o pago dunha indemnización. A central anunciou hoxe a convocatoria dunha mobilización o 12 de marzo no novo establecemento da compañía de alimentación na rúa García Barbón de Vigo ás 11:30 horas para rexeitar a persecución de Mercadona aos seus representantes sindicais.
A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a dúas delegadas e un delegado da central no comité de Mercadona na provincia de Pontevedra para dar conta da decisión xudicial e denunciar a campaña de “acoso e derribo” da dirección contra as delegadas/os sindicais, que se está a intensificar ante a proximidade das eleccións na empresa.
Neste contexto, a Sala do Social do TSXG na Coruña vén de condenar a Mercadona por vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical ao negarlle á representación da CIG a información que lle facilita aos membros do comité de Seguridade e Saúde (no que as delegadas participan con voz pero sen voto ao no ser delegadas de prevención).
A sentenza considera que a empresa fai unha interpretación excesivamente restritiva da lexislación para impedir o acceso das delegadas/os á documentación sobre prevención de riscos laborais, resultados dos test psicosociais, regulamento do comité e datos sobre acreditacións doutros sindicatos. E tampouco permitía o acceso de asesores/as da CIG, mentres que si asistían de CCOO e UGT. de Polo que declara a nulidade radical desta conduta e condena a Mercadona a entregar a información solicitada e a abonarlle á central sindical unha indemnización de 22.503 euros por danos morais.
Para a responsábel sindical esta decisión xudicial, contra a que cabe recurso diante do Tribunal Supremo, reforza o dereito de información sindical e serve como “argumento xurídico disuasorio” fronte a empresas que que intenten limitar o acceso á documentación de prevención de riscos alegando diferenzas formais entre cargos (delegada sindical/delegada de prevención).
Acoso laboral e represión sindical
A CIG, sindicato maioritario en Mercadona a nivel galego, leva tempo denunciando a política de represión sindical e de acoso laboral que caracteriza as relacións laborais na empresa de alimentación, con denuncias e mobilizacións nas catro provincias. Neste senso, a secretaria da sección sindical da CIG en Mercadona da provincia de Pontevedra, Verónica Pérez, lembrou durante a comparecencia diante dos medios de comunicación que dende que a central obtivo representación no comité a nivel provincial a empresa comezou a manobrar para impedir a labor das delegadas da CIG. “Non facilitan toda a documentación que lles solicitamos e limitan a certos espazos as visitas que realizamos ao centros de traballo, mesmo cando queremos falar coas persoas traballadoras”.
Ao mesmo tempo detallou que Mercadona utiliza o control e a chantaxe permanente aplicando o chamado ‘modelo’, que supón unha vulneración de dereitos e castigos discrecionais que afectan ao cobro das primas económicas anuais, como así o ten denunciado a CIG diante da Inspección de Traballo. “Non é un documento escrito, trátase dunha estratexia mediante a que nos dan a escoller entre os dereitos do convenio ou o que a empresa considera que realmente necesitas, como no caso de ter que acollerte a licenzas para coidado de menor ou por hospitalización de familiar”.
Se a persoa traballadora opta por facer usos dos seus dereitos laborais queda inmediatamente “marcada” por parte das coordinadoras, polo que non terá dereito a cobrar a prima nin a gozar da semana de vacacións extra anunciada pola empresa recentemente tras un acordo do comité intercentros.
Fronte a isto a central sindical ten desenvolvido numerosas mobilizacións por todo o país, que continuarán nas vindeiras semanas cunha concentración o 12 de marzo diante do novo establecemento da compañía de alimentación na rúa García Barbón de Vigo ás 11:30 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario