O Entroido vivirase esta fin de semana en Tui
• O sábado ás 17 h celebrarase o Desfile-Concurso e o domingo ás 19.30 h O Enterro do Bacallau
Infogauda / Tui
O Entroido vivirase esta fin de semana en Tui con dobre cita festiva que atraerá a miles de persoas ás rúas tudenses.
Doce comparsas de Tui, O Porriño, Nigrán, Salceda de Caselas, Vigo, Mos, e Gondomar protagonizarán o Desfile-Concurso que o sábado ás 17 h sairá dende o Espazo Feiral para percorrer as rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy e o primeiro tramo da rúa Compostela. As 975 persoas que forman parte destas comparsas farán gala durante o desfile de humor, creatividade, e enxeño nas creacións que lucirán e nas que levarán un total de 19 carrozas.
Abrirá o desfile a Asociación Cultural Pontellas, do Porriño, coa comparsa “A danza das Amazonas”. En segundo lugar desfilará a Asociación Centro Cultural Recreativo Parada do Miñor de Nigrán, con “O virus do Entroido”. Dende Salceda de Caselas chegarán a Asociación Cultural e Deportiva Amigos do Carnaval con “Amigos do Carnaval” e a Asociación Cultural e Deportiva San Xurxo coa comparsa “Carnaval San Xurxo”.
En quinto lugar participará no desfile concurso a Asociación Os da Casa, de Vigo, con “Sabores do Mundo”, seguida da Asociación Cultural Comparsa Os Feiticeiros de Mos, con “O Circo dos Feiticieiros”, e da Asociación de Veciños Nosa Terra de San Miguel de Pereiras de Mos, con “Pa Mala Yo”.
O desfile-concurso continuará coa Asociación Entroido de Pexegueiro de Tui, con “Llegó Papá” e coa Asociación Comparsa Os Imprescindibles de Vigo, coa comparsas “Os Imprescindibles”.
Dende Gondomar chegarán a Asociación O Millor de Cada Casa de Vincios con “O segredo do Frondal” e a Asociación Carnavales de Mañufe con “2030 do porvir”. A última en desfilar será a Asociación Banda de Música Popular de Tui con “Cantos Fumos – Tui Capital Histórico do Turismo Político”.
O xurado, que por parellas estará ao longo do percorrido para valorar as comparsas participantes, outorgará catro premios na categoría xeral de 800€, 650€, 500€ e 350€, outros catro en carrozas de 650€, 500€, 350€ e 200€. Amais haberá dous premios en parodia de 500€ e 350€, e un premio en coreografía e outro en música de 350€ cada un.
Mentres o xurado delibera de 19 a 20 h e tras a entrega dos premios de 21 a 23 h actuará a orquestra Triunfo.
Xa o domingo Tui despedirá o Entroido coa celebración do Enterro do Bacallau. Unha cita festiva de rigoroso loito na que participarán as doce comparsas xunto a centos de persoas. Sairá ás 19.30 h dende a praza de San Fernando, onde terá lugar a lectura das coplas, e continuará pola rúa Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, Camilo José Cela, Praza de Galicia, e Lugo, para rematar no aparcamento municipal, onde terá lugar a incineración do Bacallau.
Dende o Concello de Tui refórzase este ano a aposta por este evento festivo que conta con gran arraigo e tradición, de xeito que moitas persoas comezan xa a celebración pola mañá nas rúas de Tui. Así a charanga tudense Cantos Somos actuará de 12 a 14 h, e pola tarde, de 17 a 19 h contarase por vez primeira na cidade coa Batucada Levada Arraiana de Estás (Tomiño). Deste xeito o espírito festivo e a música mesturaranse nesta celebración.
Tui despedirá así a festa do Entroido nunha fin de semana chea de algarabía, humor, corido, e sátira.
Restricións no tráfico e no estacionamento
Debido á celebración do Desfile-concurso de Entroido estarán pechadas ao tráfico e non se poderá estacionar nas rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy e Compostela o sábado de 10 a 21 h. Non se poderá estacionar no aparcamento municipal dende ás 8 h do sábado até ás 8 h do luns 23 e no espazo feiral de 8 a 20 h do sábado 21. O Camiño Ricamonde estará pechado ao tráfico e ao estacionamento de 14 a 20 h.
Mentres pola celebración do Enterro do Bacallau nas rúas Camilo José Cela, praza de Galicia e Lugo non se poderá estacionar dende ás 14 h até ás 21 h e estarán pechadas á circulación de 19 a 21 h.

Ningún comentario:
Publicar un comentario