O Festival de Teatro Grecolatino comeza este ano en Tui
• Alumnado de Secundaria de toda Galicia asistirá á representación de “Helena” de Eurípides e “Cásina” de Plauto, no Teatro Municipal
Infogauda / Tui
Unha traxedia grega e unha comedia serán representadas o próximo martes, 24 de febreiro, no Teatro Municipal de Tui. Será na primeira cita deste ano do Festival de Teatro Grecolatino organizado pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos, SEEC Galicia, e que conta coa colaboración do Concello de Tui.
Así 513 alumnos e alumnas asistirán ás 12 h á representación de “Helena” de Eurípides, e 401 ás 17 h á “Cásina” de Plauto, ambas a cargo do grupo Noite Bohemia da Coruña. Participarán institutos de Tui, A Cañiza, A Pobra, Arcade, Marín, Moaña, Nigrán, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribeira, Salceda de Caselas, e Vigo.
Dende hai seis anos esta cita teatral clásica ten no Teatro Municipal de Tui unha das súas sedes. A edición deste 2026 continuará o 25 de febreiro no Teatro Colón, da Coruña; e o 3 e 4 de marzo no Auditorio Gustavo Freire, en Lugo.
O Festival de Teatro Grecolatino é promovido dende o ano 2011 por SEEC Galicia co obxectivo de achegar as grandes obras do teatro grego e romano clásico ao alumnado de Secundaria.

Ningún comentario:
Publicar un comentario