6 de feb. de 2026

TUI

Abre o prazo de inscrición para o mercado creativo Elas Facedoras

 Celebrarase o sábado 14 e o domingo 15 de marzo dentro da programación do 8M

 

A creatividade feminina será a protagonista na segunda edición do Mercado Elas Facedoras
Foto: C.T.
 

Infogauda / Tui

 A creatividade feminina será a protagonista na segunda edición do Mercado Elas Facedoras que se vai celebrar o sábado 14 e o domingo 15 de marzo no Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela. Trátase dunha actividade organizada polo Concello de Tui a través da concellería de Igualdade.   

 Tras o éxito da primeira edición, celebrada en 2025, este ano porase o foco no traballo desenvolvido por mulleres profesionais da artesanía, arte, moda, xoiería, deseño, cerámica, decoración, fotografía, literatura, ilustración e artesanía alimentaria. Esta actividade forma parte da programación organizada polo Concello de Tui ao abeiro do Día Internacional da Muller, o 8M. Será unha fin de semana de reivindicación e visibilidade para impulsar o talento e creatividade feminina e feminista do noso territorio, poñendo en valor o importante patrimonio contemporáneo que están a tecer as nosas facedoras, tendendo pontes co país veciño e dinamizando un sector clave na nosa identidade cultural.  

 A participación no mercado será de balde. As prazas ofertadas son limitadas. A selección das expositoras realizarase mediante convocatoria aberta, de acordo coas Bases de Participación, atendendo a criterios de calidade, diversidade de disciplinas e carácter creativo das propostas, dando prioridade ás creadoras nadas ou residentes en Tui, na comarca do Baixo Miño e na Eurocidade Tui-Valença, que deberán representar como mínimo o 30 % das prazas.  

 O prazo de presentación  de solicitudes está aberto até ás 23 h do domingo 22 de febreiro.  As persoas interesadas deben cubrir o formulario dispoñible en tui.gal e enviar ao correo igualdade@tui.gal tres fotografías dos produtos a expor e un informe artístico en formato PDF.  

 Así durante a fin de semana do 14 e 15 de marzo, o Espazo Sociocultural converterase nun magnífico escaparate da creatividade feminina coa instalación de mesas expositivas e cun programa complementario de actividades que incluirá mesas de debate, actuacións musicais, obradoiros ou degustacións, co obxectivo de dinamizar o mercado e achegalo a  todos os públicos.  

 Con esta iniciativa, o Concello de Tui reafirma o seu compromiso coa igualdade, a creación contemporánea e o apoio ás mulleres profesionais do sector cultural e creativo.    

Bases Mercado Elas Facedoras 2026

Ningún comentario:

Publicar un comentario