O “contrato histórico” da limpeza viaria o era para as empresas pero non para os traballadores
• O Porriño leva aproximadamente un ano sen contrato de limpeza viaria, cunha empresa prestando o servizo sen contrato en vigor e mediante facturación continuada
Infogauda / O Porriño
O PSdeG-PSOE de O Porriño denuncia que o alcalde enganou á veciñanza cando, hai apenas uns días, presentou como “histórica” a licitación do servizo de limpeza viaria. O propio Decreto 2026-0304, asinado polo mesmo rexidor, desmonta ese relato: o contrato non contemplaba salarios dignos nin custos laborais reais, ao empregar un Salario Mínimo Interprofesional desactualizado e ao omitir custos esenciais, tal e como recoñece expresamente a resolución municipal 20260202_DECRETO 2026-0304.
“Desde o PSOE subliñamos que, se algo era “histórico”, era para as empresas que optaban a gañar o contrato, non para as persoas traballadoras, ás que os pregos non lles garantían condicións salariais axeitadas nin actualizadas. Esta realidade non é unha valoración política: é un feito admitido polo propio alcalde no seu decreto, que cualifica os erros como infraccións non emendables da Lei de Contratos do Sector Público.
Resulta especialmente grave que o alcalde, responsable directo da área económica, non contemplase nin sequera a suba do SMI, unha actualización coñecida, obrigatoria e perfectamente previsible nun contrato básico e recorrente. Todo indica que a prioridade non estaba na planificación nin no rigor, senón no titular fácil e na propaganda, mentres se descoida a licitación dun servizo esencial para o municipio”.
Desde o PSdeG-PSOE de O Porriño afirman que “este episodio súmase a outros contratos que xa chegaron ao límite por defectos nos pregos, algúns salvados anteriormente no último minuto. Nesta ocasión, foron os propios licitadores potenciais os que advertiron que o expediente estaba mal feito desde a orixe. Para evitar unha anulación segura, o alcalde optou por pechar o procedemento e empezar outro, recoñecendo que o partido estaba perdido antes de comezar”.
O PSdeG-PSOE lembra ademais que O Porriño leva aproximadamente un ano sen contrato de limpeza viaria, cunha empresa prestando o servizo sen contrato en vigor e mediante facturación continuada. Advertimos con claridade: esas facturas carecen de cobertura contractual e son contrarias á legalidade, exactamente o que o propio alcalde denunciaba cando estaba na oposición e que agora aplica sen rubor desde o goberno.
“Non se pode falar de contratos históricos mentres se ignoran os dereitos laborais e se licita con números falsos. Os decretos non menten: deixa claro quen estaba a enganar e a quen”, conclúen desde o PSdeG-PSOE de O Porriño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario