A música do país soa con forza en Tomiño
• O Concello pon en marcha o Circuíto Cultural 2026 para impulsar as agrupacións tradicionais do municipio
Infogauda / Tomiño
Tomiño dá un novo pulo á súa identidade cultural co arranque do Circuíto Cultural 2026, unha iniciativa municipal que volve apostar pola promoción e apoio ás agrupacións musicais tradicionais do municipio, facilitando a súa presenza en festas, celebracións e actos populares ao longo do ano.
O programa está dirixido a bandas de música, corais, bandas e grupos de gaitas, treboadas, pandereiteiras, murgas, charangas, grupos folk e agrupacións de acordeóns con sede social en Tomiño. Serán as comisións de festas e outras entidades organizadoras as que deberán contactar directamente coas agrupacións adheridas ao circuíto para contratalas e pechar a data da actuación, nun acordo exclusivo entre ambas partes.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “o Circuíto Cultural é unha ferramenta clave para apoiar o noso tecido cultural e musical, ao tempo que garantimos que a música tradicional siga viva, presente nas rúas e accesible para toda a veciñanza”. A rexedora subliñou ademais que “apostar pola cultura local é apostar pola identidade, pola participación comunitaria e polo talento que temos no noso propio concello”.
O Concello destinará ata 14.000 euros a esta edición, establecendo contías máximas por actuación segundo o tipo de agrupación:
• Banda de música: 400 €
• Corais: 200 €
• Bandas de gaitas (máis de 30 compoñentes): 300 €
• Grupos de gaitas: 200 €
• Treboadas: 200 €
• Grupos folk: 200 €
• Pandereiteiras: 150 €
• Murgas ou charangas: 150 €
• Grupos de acordeóns: 150 €
Como novidade, nesta edición incorpórase ao catálogo do Circuíto Cultural o grupo Bico de Lúa, unha formación de música tradicional galega que combina instrumentos como o violín, a guitarra ou a concertina, cun repertorio de pezas tradicionais tanto instrumentais como cantadas, ampliando así a diversidade musical da oferta.
As solicitudes para formar parte do Circuíto Cultural deberán presentarse a través da Sede Electrónica do Concello de Tomiño, segundo o modelo recollido nas bases da convocatoria publicadas na web municipal e no Portal de Transparencia. O prazo mínimo de presentación será de 30 días de antelación á data da actuación solicitada, podendo ser desestimadas aquelas solicitudes que non cumpran este requisito.
Con esta nova edición do Circuíto Cultural, Tomiño reafirma o seu compromiso coa cultura de raíz e coa posta en valor do patrimonio musical galego, levando a tradición do escenario á rúa e da rúa á comunidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario