Tomiño consolida a igualdade como eixo transversal das súas políticas públicas
• O Concello pon en marcha o V Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes (2025-2029), unha folla de ruta integral para construír un municipio máis xusto, inclusivo e libre de violencia
Infogauda / Tomiño
A igualdade real constrúese con decisións, políticas públicas e compromiso sostido no tempo. Neste camiño, o Concello de Tomiño xa ten en marcha o seu V Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes, un documento estratéxico que marcará a acción municipal entre 2025 e 2029 e que consolida a igualdade como principio transversal en todas as políticas locais.
O novo plan formúlase como un marco de actuación integral que recolle estratexias dirixidas a facer real e efectiva a igualdade nos ámbitos político, económico e sociocultural, coa finalidade última de eliminar as desigualdades estruturais e previr e combater a violencia machista no contexto máis próximo da veciñanza.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “este novo Plan de Igualdade non é un documento teórico, senón unha ferramenta viva para transformar a realidade. A igualdade é un principio irrenunciable para este Concello e require coherencia, continuidade e accións eficaces no día a día”. A rexedora subliñou tamén que “avanzar cara a unha igualdade real é unha responsabilidade compartida, que precisa da implicación institucional, do tecido asociativo e de toda a veciñanza”.
O Plan foi deseñado como un instrumento realista, viable, flexible e dinámico, capaz de adaptarse ás novas necesidades que poidan xurdir ao longo do período de vixencia. Ademais, tivo un carácter participativo, contando coa colaboración de axentes sociais do municipio, o que garante unha resposta axustada ás necesidades reais detectadas en Tomiño.
Este V Plan chega tras un balance moi positivo do período anterior, no que se executou unha alta porcentaxe das medidas previstas, especialmente nas áreas de participación social e empoderamento, gobernanza e formación, emprego e conciliación. Nos últimos anos consolidáronse estruturas clave como o servizo municipal de igualdade e o servizo de atención psicolóxica individualizada para vítimas de violencia de xénero; avanzouse nunha conciliación efectiva co éxito sostido dos campamentos urbanos e musicais; reforzouse o empoderamento feminino cunha ampla oferta de obradoiros de benestar, autoestima, saúde e capacitación dixital; e impulsouse unha forte sensibilización comunitaria, especialmente nos centros educativos.
A quinta edición do Plan de Igualdade preséntase como unha estratexia evolucionada e integral, estruturada en seis áreas clave para maximizar o seu impacto:
1. Igualdade nas políticas locais
2. Desenvolvemento económico, conciliación e corresponsabilidade
3. Participación en igualdade
4. Saúde e benestar integral
5. Formación e educación igualitaria
6. Loita contra as violencias machistas
“O V Plan de Igualdade é máis que un documento: é un compromiso colectivo para construír un Tomiño máis xusto, inclusivo e feminista”, concluíu a alcaldesa, que recalcou que “só coa implicación da veciñanza, das asociacións e dos axentes locais poderemos facer realidade os obxectivos que nos marcamos”.
O documento completo do V Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes 2025–2029 xa está dispoñible para consulta pública na páxina web do Concello de Tomiño.

Ningún comentario:
Publicar un comentario