19 de feb. de 2026

TOMIÑO

Santa María de Tebra prepárase para estrear un novo corazón arredor da súa igrexa románica  

  O Concello presentou nunha reunión aberta a toda a veciñanza o proxecto de recuperación integral da contorna, unha intervención que suporá un investimento máis de 1 millón de euros   


Tras unha primeira rolda de encontros cos colectivos da parroquia, o Goberno local quixo compartir co conxunto da veciñanza os detalles dunha intervención que nace dun proceso participativo co tecido asociativo e veciñal
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Un espazo histórico chamado a converterse no gran punto de encontro da parroquia inicia a súa transformación máis ambiciosa. O Concello de Tomiño mantivo unha reunión aberta con toda a veciñanza de Santa María de Tebra para presentar o proxecto de recuperación integral da contorna da súa igrexa románica, unha actuación que superará o millón de euros de investimento e que marcará un antes e un despois na vida comunitaria. 

 Tras unha primeira rolda de encontros cos colectivos da parroquia, o Goberno local quixo compartir co conxunto da veciñanza os detalles dunha intervención que nace dun proceso participativo co tecido asociativo e veciñal. O resultado é o proxecto ‘Recuperación do espazo público para as persoas na contorna da igrexa de Santa María de Tebra’, unha proposta que incorpora unha visión global da parroquia e responde ás demandas trasladadas pola propia comunidade. 

 Para facer realidade esta transformación, o Concello adquiriu por 140.000 euros unha parcela estratéxica de 2.300 metros cadrados situada fronte á fachada do templo. Neste ámbito crearase unha nova praza pública aberta e multifuncional, pensada como espazo de encontro para veciños e visitantes e como elemento de posta en valor do excepcional patrimonio da zona. 

 A intervención integrará e realzará a igrexa de Santa María de Tebra, xoia románica do século XII que conta cunha das poucas torres de campanario viradas de Europa. Tamén se porán en valor elementos singulares como o Tetón, o cruceiro de Tebra, a Casa do Teodosio e a contorna do cemiterio, dando cohesión aos espazos históricos e culturais da parroquia. 

 O proxecto inclúe ademais a adecuación dun espazo para aparcadoiro, o estudo da renovación do alumeado público e a mellora de infraestruturas menos visibles pero fundamentais, como o saneamento ou o soterramento das telecomunicacións. Xunto a isto, actuarase na estrada de acceso á parroquia, creando unha infraestrutura peonil accesible e segura que conectará a nova praza co centro social, o colexio e os equipamentos culturais, facilitando a mobilidade cotiá. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “estamos ante unha intervención histórica para Tebra, que nace do diálogo coa veciñanza e que pon ás persoas no centro do deseño do espazo público. Non se trata só dunha obra urbanística, senón de crear un novo corazón para a parroquia, un lugar onde convivir, celebrar, compartir e impulsar novas oportunidades”. “Tebra merece un espazo á altura da súa identidade, da súa historia e da súa veciñanza, e ese é o camiño que estamos a construír xuntos”, concluíu a rexedora. 

 O conxunto da actuación permitirá dispoñer dun espazo capaz de acoller desde actos relixiosos ata encontros veciñais, celebracións, propostas culturais e iniciativas económicas locais, reforzando a identidade e a cohesión social de Tebra. 

 Con este proxecto, o Concello reafirma o seu compromiso coa recuperación de espazos públicos de calidade nas parroquias, coa protección do patrimonio e cun modelo de mobilidade sostible e accesible para todos os públicos, replicando o modelo desenvolvido nos núcleos urbanos de Tomiño e Goián. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario