19 de feb. de 2026

OIA

O Concello de Oia abre o prazo de inscrición para a segunda edición do obradoiro de fotografía   




Infogauda / Oia 

 O Concello de Oia pon en marcha unha nova edición do obradoiro “Narracións visuais dende o local”, unha proposta formativa e creativa que convida a mirar o territorio con novos ollos a través da fotografía. A actividade, totalmente gratuíta, comezará o vindeiro 4 de marzo e estará impartida por segundo ano consecutivo pola fotógrafa profesional Ana Belén Jarrín.  

 O taller desenvolverase os mércores de 18.30 a 20.30 horas durante os meses de marzo, abril e maio, sempre que se acade o grupo mínimo de participantes. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición chamando ao Concello no teléfono 986 36 21 25 desde hoxe e ata o 28 de febreiro.   

 O obradoiro está dirixido a persoas de calquera idade (preferentemente a partir dos 16 anos) con interese na fotografía, sen necesidade de contar con experiencia previa. O único requisito é dispoñer dunha cámara dixital ou dun teléfono móbil con cámara. A proposta deste ano está pensada tanto para quen participou na edición anterior como para novas persoas interesadas en explorar a fotografía desde unha perspectiva creativa, e tanto persoal como colectiva.  

 Así, nesta segunda edición repasaranse e actualizaranse aspectos técnicos fundamentais e incorporaranse pequenos trucos prácticos para sacar o máximo partido ao móbil ou á cámara que cada participante utilice, resolvendo as dúbidas habituais que xorden no manexo dos dispositivos. Ao mesmo tempo, afondarase na narrativa visual como ferramenta para construír e contar historias propias con intención e coherencia.  

 Ao longo das sesións tamén se traballarán conceptos vinculados á memoria, o territorio, a vida no rural e o patrimonio local, co obxectivo de crear imaxes que non só sexan esteticamente coidadas, senón que transmitan emocións e relatos conectados coa contorna.  

 Na convocatoria pasada, cada participante desenvolveu o seu propio proxecto individual e, ademais, realizouse un traballo colectivo que foi proxectado na xornada festiva do 6x6 Punto de Encontro, reforzando o carácter comunitario da iniciativa. A boa acollida tanto do obradoiro como da sesión de visionado anima este ano a repetir o formato, consolidando unha experiencia que combina aprendizaxe, creación artística e participación veciñal  

 O resultado da primeira edición do obradoiro está dispoñible no audiovisual accesible premendo nesta ligazón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario