12 de feb. de 2026

OIA

Charla aberta sobre a integración de Burgueira e Loureza na DO Rías Baixas – Subzona do Rosal 

 Este sábado, 14 de febreiro, ás 17:30 horas nas Escolas Unitarias de Loureza (Oia)


Acios de uva branca
Foto: GMS Oia

Infogauda / Oia

 O PSdeG-PSOE de Oia organiza este sábado, 14 de febreiro, ás 17:30 horas nas Escolas Unitarias de Loureza (Oia), unha charla-coloquio aberta a toda a veciñanza, especialmente dirixida a viticultores, propietarios de viñedos e persoas vinculadas ao sector, baixo o título “Integración das parroquias de Burgueira e Loureza na DO Rías Baixas”. 

 No acto intervirán José Antonio Olmedo Granja, voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE en Oia, e Manuel Pazos Lamoso, enxeñeiro forestal e responsable de Asuntos Rurais da executiva provincial do PSdeG-PSOE. 

 Esta iniciativa dá continuidade á moción presentada polo Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no pleno de novembro, na que se solicitou formalmente que o Concello de Oia acordase instar á inclusión das parroquias de Burgueira e Loureza na Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas, subzona do Rosal. 

 Desde o PSdeG-PSOE de Oia defenden que a tradición vitivinícola do Val do Tamuxe é histórica e que a inclusión na DO permitiría revalorizar as parcelas, facilitar a comercialización da uva e abrir novas oportunidades económicas para o rural do municipio. 

 A charla pretende ser un espazo de información, debate e participación, no que aclarar dúbidas e analizar os pasos necesarios para avanzar nesta reivindicación histórica. 

 O acto é aberto ao público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario