A exposición HeART of Gaza chega ao Rosal con debuxos realizados por nenas e nenos de Gaza
• A mostra inaugurarase este 19 de febreiro e poderá visitarse ata o 6 de marzo na Sala de Exposicións
• Unha idea orixinal de Mohammed Timraz e Féile Butler, a expo está organizada polo colectivo Baixo Miño con Palestina coa colaboración do Concelllo e a coordinación de BDS Galiza
Infogauda / O Rosal
Un debuxo pesa máis que mil palabras. O Concello do Rosal vai inaugurar este xoves 19 de febreiro a exposición itinerante HeART of Gaza, unha mostra internacional que reúne preto de cincuenta obras creadas por nenas e nenos de entre 3 e 17 anos que viven na Franxa de Gaza e creados durante os últimos anos do xenocidio.
A mostra abrirá ao público ás 19.00 horas na Sala de Exposicións do Concello nun acto aberto a toda a veciñanza que contará coa actuación musical de Alba Costas e Miguel Soto.
HeART of Gaza naceu en xuño de 2024 impulsada por Mohammed Timraz e Féile Butler co obxectivo de ofrecer unha plataforma de expresión a través da arte ás crianzas que viven unha das realidades máis duras do mundo actual. A iniciativa promove obradoiros artísticos nos que as nenas e nenos gazatís poden expresar emocións, medos e esperanzas mentres comparten espazos de convivencia e xogo.
A partir deste proxecto xurdiu en Deir al Balah a chamada Artists’ Tent, un espazo creativo seguro onde se desenvolven actividades artísticas lideradas por mulleres e abertas á diversidade, incluíndo tamén a participación de persoas da comunidade xorda. O resultado son obras directas, conmovedoras e cheas de simbolismo que transmiten sen filtros a realidade e os sentimentos das crianzas que participan. A exposición permite achegarse ás súas historias, entender a súa realidade e ofrecer un espazo de encontro e solidariedade a través da arte.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “acoller esta exposición é unha responsabilidade e tamén un acto de humanidade. A través da arte, estas nenas e nenos fannos chegar a súa voz e interpelan directamente á nosa conciencia colectiva. Desde o Rosal queremos ofrecer un espazo de encontro, reflexión e solidariedade, porque a cultura tamén é unha ferramenta para comprender o mundo e posicionarnos diante da inxustiza”.
A mostra está organizada polo colectivo Baixo Miño con Palestina coa colaboración do Concello do Rosal, e coa coordinación loxística de BDS Galiza e poderá visitarse ata o vindeiro 6 de marzo de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e sábados e domingos de 10.00 a 13.00 horas.
Desde o Concello e Baixo Miño con Palestina anímase á toda a veciñanza a achegarse á mostra e a coñecer, a través da mirada sincera das crianzas, unha realidade que apela á conciencia colectiva e á solidariedade internacional.

Ningún comentario:
Publicar un comentario