O Rosal amplía o prazo de solicitude para participar no desfile de Entroido
• Tras o cambio de data, o Concello abre ata o martes 24 ás 14.00 horas o prazo de inscrición
Infogauda / O Rosal
Tras o aprazamento do desfile de Entroido por mor do mal tempo ao vindeiro 1 de marzo, o Concello do Rosal decidiu ampliar o prazo de presentación de solicitudes para facilitar a participación de todas aquelas persoas e colectivos que non a tramitaran por non poder asistir na data inicial.
Desde hoxe e ata o martes 24 de febreiro ás 14.00 horas, abrirase un novo período de inscrición co obxectivo de dar cabida a novos participantes, mantendo en todo momento o dereito de participación de todas as persoas e grupos que xa estaban previamente inscritos.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliña que “queremos que ninguén quede fóra por mor do cambio de data. O Entroido é unha festa colectiva, feita pola veciñanza e para a veciñanza, e por iso ampliamos o prazo para garantir a máxima participación”. A rexedora destaca que “a resposta está sendo moi positiva e agardamos volver superar as expectativas cun desfile multitudinario e cheo de creatividade”.
Está previsto que máis de 1.100 persoas participen no tradicional desfile, que dará comezo ás 11.00 horas desde a Rotonda da Feira e percorrerá as rúas Xulio Sesto e Ramón Franco ata o cruce coa Lomba, enchendo o Rosal de cor, música e ambiente festivo.
Desde o Concello anímase a asociacións, comparsas, grupos e participantes individuais a aproveitar esta ampliación do prazo para sumarse a unha das citas máis agardadas do calendario festivo local. O 1 de marzo, o Rosal volverá saír á rúa para celebrar un Entroido participativo, diverso e cheo de enerxía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario