6 de feb. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés finaliza un comezo de ano frenético coa visita do pechacancelas Cicar Lanzarote 

O equipo baixomiñoto recibirá este sábado (19.00 horas) ao Cicar Lanzarote Ciudad de Arrecife para xogar a décimo oitava xornada ligueira, o último partido dos oito que condensou no primeiro mes de 2026  

De novo, o Guardés contará con 13 xogadoras convocadas  




Redacción Deportes / A Guarda 

 O Mecalia Atlético Guardés continúa antes de tomar o primeiro respiro de 2026. O equipo baixomiñoto recibirá este sábado (19.00 horas) na Sangriña ao Cicar Lanzarote Ciudad de Arrecife para disputar a décimo oitava xornada ligueira, o último partido dos oito que tiña axendados para o primeiro mes do ano e xusto antes de poder gozar dunha semana de descanso debido ao adiamento da súa vindeira xornada. 

 O Guardés chega á cita nun grande momento deportivo, tras unha serie de vitorias froito do traballo destas últimas semanas. Malia o cansazo e os quilómetros, este mesmo mércores as de Ana Seabra certificaron a súa presenza un ano máis na fase final da Copa de la Reina, grazas a un triunfo obtido con non pouco sufrimento na pista do Balonmano Morvedre (25-27). A eliminatoria de segunda fase da competición copeira púxose costa arriba durante moitos minutos para o conxunto galego, que só conseguiu despexar as dúbidas nos momentos finais tras un partido cheo de erros non forzados e cambios de ritmo. 

 Con todo, o esforzo e a experiencia deron resultado ao final, e o equipo diríxese agora a un empurrón final antes de poder gozar dunha semana de merecido descanso competitivo. Debido ao aprazamento do próximo partido de Liga por indispoñibilidade do Beti-Onak, previsto inicialmente para o sábado 14 en Villava, o calendario agraciou ao Guardés cunha semana afastado da competición e, sobre todo, da estrada. A acumulación de viaxes, Europa de por medio, era un dos factores que comezaban a afectar ao xogo baixomiñoto, e o enfoque de cara a este sábado volveu centrarse tamén por iso en equilibrar traballo e descanso necesario. 

 Outro factor crucial está a ser tamén o curto do cadro de persoal guardés. O equipo da Sangriña afrontará este encontro, de novo, cunha convocatoria de 13 xogadoras, á espera de sumar algún posible reforzo da base de última hora, e coa esperanza de coñecer novidades sobre as lesionadas á volta do seu parón da próxima semana. Namentres, falta por determinar o alcance da afección no xeonllo de Ariana Portillo, e Nerea Gil segue esperando a que se resolva unha complicación na súa recuperación detectada nas últimas semanas. Fóra das pistas, Cristina Cifuentes foi operada do pé esquerdo este martes e prepara xa o seu plan de regreso a longo prazo. 

 De fronte, o Guardés medirase a un Cicar Lanzarote que chega como derradeiro clasificado. O pechacancelas aínda non coñece a vitoria na Liga este curso, e precisa dos dous puntos coma auga de maio, pois ata agora só puido sumar un no seu empate ante o Porriño hai unhas semanas. Con todo, este recentemente ascendido é un equipo capaz de xerar perigo e que vén en tendencia crecente, como amosan os axustados marcadores dos seus últimos partidos en Elxe (23-21) e contra Rocasa (19-21); así como a súa actuación copeira este mércores que, aínda que con resultado máis folgado, puxo contra as cordas ao Granollers en varias ocasións e deixou accións notables (25-32). 

 As de Carlos Britos, novo técnico á cabeza do proxecto dende decembro e cuxa pegada xa parece notarse, darano todo este sábado para replicar a confusión que lograron sementar entre as filas guardesas na primeira cita entre ambos este curso. Ao equipo baixomiñoto custoulle entón uns dez minutos atopar o ritmo para rematar levando a quinta xornada (22-26, 4 de outubro), pero este sábado, coa axuda dos seus e con ganas de pechar esta etapa no alto, o panorama cambia e moito.  

Ana Seabra: “Queremos rematar a semana cunha vitoria e boas sensacións” 

 A adestradora do Guardés, Ana Seabra, non espera un encontro sinxelo mañá, por moi pechacancelas que sexa o rival. “O Cicar medrou nos últimos partidos e non ten nada que perder este sábado”, explica a técnica. “É un equipo que, sen dúbida, loitará por facer un bo partido e poranos as cousas difíciles”, engade.  

 O obxectivo, coma sempre, mantense: concentrarse no xogo propio e confiar no traballo da tempada, sen menoscabo de ningún rival. “Temos que estar moi concentradas, respectar o traballo e esforzo de todos e centrarnos no noso obxectivo para esta fin de semana, que son os dous puntos”, conclúe Seabra, quen deixa claro que “queremos rematar a semana cunha vitoria e boas sensacións”.  

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 18

Mecalia Atlético Guardés – Cicar Lanzarote Ciudad de Arrecife 

Sábado, 7 de febreiro | 19.00 horas | Pavillón da Sangriña | 

Retransmisión en directo pola canle de YoyTube do Club Balonmán Atlético Guardés: 

https://www.youtube.com/watch?v=S_zgpidIk-4

Ningún comentario:

Publicar un comentario