Luis López anuncia que a Deputación sacará a contratación as obras de mellora da estrada de Monte Alto, en Baiona, por preto dun millón de euros
• O presidente informou do visto bo ao expediente de contratación das obras na EP-2203, unha demanda histórica da veciñanza de Baredo, coas que se creará sendas peonís e unha zona de convivencia e se ampliará o ancho da plataforma nun treito de 900 metros
Infogauda / Baiona
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres de que a Xunta de Goberno da institución provincial deu luz verde ao expediente de contratación das obras de mellora da mobilidade peonil que se van realizar na EP-2203 Baredo-E.P. Baiona-Loureza, coñecida como a estrada de Monte Alto, por valor de preto dun millón de € (984.000 euros).
As obras responderán unha demanda histórica da parroquia de Baredo. As obras comprenden un treito de 900 metros, entre a ponte en Outeiro, a fonte no Río e a conexión entre Monte Alto e o barrio de Río Pequeno, mellorando tamén os accesos aos barrios de Baredo e ao campo de fútbol Val de Martín. A actuación incrementará o espazo dispoñible para os peóns, coa creación de dous tramos de senda de 2,5 metros de ancho que permitirán un itinerario continuo, seguro e accesible, ademais de crear unha zona de convivencia no núcleo do Río, xa que o ancho da infraestrutura non permite o cumprimento das condicións de accesibilidade. A construción da senda levará consigo nalgúns puntos a construción de muros de contención, e beiravías que formarán parte da rede de drenaxe da estrada.
Tamén se ampliará o ancho da plataforma co fin de mellorar o trazado nun treito curvo da estrada de 80 metros na conexión co barrio de Fontes, en Baíña, e suprimirase outro estreitamento para dar continuidade á sección prolongando a cuneta revestida. As obras contemplan tamén actuacións de renovación da rede de drenaxe, o soterramento da rede de alumeado público e a substitución de luminarias por novas de tecnoloxía LED, a dotación dunha varanda urbana e outra sobre a ponte, a dotación de dous pasos peonís como medida de calmado do tráfico, a renovación da sinalización e a dotación dunha marquesiña e un banco.
O presidente Luis López sinalou que esta aprobación permite “seguir sumando recursos e aprobando investimentos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e para avanzar na seguridade destas infraestruturas que son fundamentais para vertebrar o noso territorio”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario