24 de xan. de 2026

TUI

Os valores democráticos centran o II Congreso Internacional Eurocidade e Educación 

  Celebrarase o venres 30 e o sábado 31 de xaneiro, en Valença e Tui respectivamente  


Na imaxe, un momento da edición precedente do Congreso Internacional Eurocidade
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 Os valores e a crise do modelo de sociedade democrática serán os temas clave no II Congreso Internacional Eurocidade e Educación que durante dúas xornadas, venres 30 e sábado 31 de xaneiro, se vai celebrar na Eurocidade Tui-Valença.  

 Destacadas persoas expertas en educación a nivel nacional e internacional participarán neste congreso que o venres á tarde se celebrará no auditorio da Escola Superior de Ciencias Empresariais en Valença, e o sábado, tanto en horario de mañá coma de tarde, en Tui.    

 Este II Congreso Internacional Eurocidade e Educación inaugurarase o venres 30 ás 18:00 h no auditorio da ESCE en Valença coa participación de autoridades españolas e portuguesas. Posteriormente terá lugar o relatorio “A crise do noso modelo de sociedade democrática: razóns e perspectivas” por parte do doutor Antonio Sampaio Novoa. Será moderada por Xosé Manuel Cid, da Universidade de Vigo.  

 Ás 20:15 h (ES) presentaranse experiencias socioeducativas en Valença do Minho, dentro do proxecto Escolas Bilingües e Interculturais da Fronteira.  

 Xa o sábado a actividade do congreso trasladarase a Tui centrándose nesta segunda xornada na crise do modelo de sociedade democrática e na intelixencia artificial.  

 Ás 10:15 h (ES) comezará a segunda conferencia do Congreso, “A crise do modelo de educación democrática. O traballo de valores” por parte do doutor Antonio Bolívar. A ponencia será moderada por Florencio Luengo, coordinador do Grupo Atlántida.  

 Unha hora despois presentaranse experiencias educativas en Tui, co proxecto educativo na Eurocidade; e ás 12:00 h (ES) será a quenda das experiencias socioeducativas en Tui, cos proxectos referentes que garanten os valores democráticos.  

 Abriranse nesta segunda xornada de Congreso tres retos. O primeiro será unha proposta de investigación para a mellora de proxectos da Eurocidade, en concreto para o pensamento docente e a presenza de estereotipos ao deseñar actividades.  

 O segundo reto será, na mesma liña da mellora dos proxectos da Eurocidade, centrado na xestión da tecnoloxía educativa e as claves da intelixencia artificial baseada en valores democráticos.  

 E o terceiro será a aprobación dun Grupo de Organización e Seguimento do III Congreso Eurocidade e presentación da Edición Especial deste II Congreso, na revista Cuadernos de Pedagogía.  

 As persoas que desexen asistir a este congreso poden ampliar a información e inscribirse na web ciberico.valedominho.com.

Ningún comentario:

Publicar un comentario