24 de xan. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés deixa pegada en Sicilia e clasifícase a cuartos con honras (19-30, 55-41 global) 

O Mecalia impúxose sen matices este sábado na súa visita ao Handball Erice siciliano para disputar o segundo encontro da eliminatoria de oitavos de final da EHF European Cup. Coñecerá ao seu rival de cuartos o sábado, 31 de xaneiro 

Ao Guardés custoulle uns dez minutos entrar no partido, momento a partir do cal o Erice foi desinflándose ata quedar completamente atrasado e sen opcións xa a falta de moitos minutos para o final 

Cecilia Cacheda foi protagonista con 7 goles e un liderado ofensivo impresionante, seguida de preto por Blazka Hauptman con 5 e Carme Castro con 4. Pero o nome propio do partido é o de Amandine Balzinc, que superou o 53% baixo paus con 16 paradas moi decisivas para frear ao Erice 


María Sancha, capitá do Mecalia Atlético Guardés, xunto coas súas compañeiras do equipo, saudando aos seareiros no pavillón A Sangriña, logo de rematar o encontro de ida cunha vitoria do equipo baixomiñoto, que este sábado certificou seu pase a cuartos de final da EHF European Cup
Foto: Sport Coeco

Redacción Deportes / Casa Santa (Erice, Sicilia)

 O Mecalia Atlético Guardés obra o milagre. As de Ana Seabra non esperaban unha semana atrás clasificarse a cuartos de final da EHF European Cup cun marcador tan folgado como o que asinaron este sábado en Sicilia, na súa visita a un Handball Erice irrecoñecible. Ao equipo baixomiñoto custoulle apenas 10 minutos entrar nun partido que xa non deixou de dominar, desarmando a un rival italiano moi desacertado no lanzamento e, sobre todo, en defensa. O marcador chegou aos 15 goles de vantaxe guardesa ata pecharse nun 19-30 que eleva o global da eliminatoria a 55-41 a favor do Mecalia, que espera xa rival para cuartos de final da competición. Cecilia Cacheda e Blazka Hauptman lideraron o ataque, con 7 e 5 goles respectivamente, aínda que a maior protagonista foi unha Amandine Balzinc infranqueable con 16 paradas e un 53% de efectividade.  

 Alexandra do Nascimento foi a encargada de abrir o marcador, cun contragol moi rápido que pillou desprevida a Amandine Balzinc. A mesma repetiu a faena aproveitándose dunha perda guardesa poucos instantes despois, e o Erice ameazaba con puírse a renda de tres goles no resultado global en apenas catro minutos, ante un Mecalia que aínda non anotaba (2-0, min. 3).  

 Certificábao entón Macarena Gandulfo, anotando o gol do 3-0 que reiniciaba a eliminatoria. O Guardés xogaba atento, pero mantendo a calma ante un rival moi rápido e que parecía saír á pista á desesperada. Tratábase de ir crecendo aos poucos, aproveitando cada oportunidade e concentrando esforzos para aguantar os 60 minutos. Rosane Serrano abría por fin a veda desde os sete metros co primeiro acerto guardés, seguida por unha Carme Castro desde o extremo que deixaba claro que as galegas non esperaban desengancharse (3-2, min. 5).  

 O encontro imitou o ritmo igualado que marcara o ton no seu primeiro capítulo unha semana atrás. Ambos os equipos arriscaban todo o posible, o que resultaba en numerosas perdas: tres de mans italianas e catro de mans baixomiñotas, en apenas dez minutos de xogo. O problema era que só un dos dous bandos lograba transformalas, un Erice liderado pola velocísima Shandy Barbosa, mentres o visitante parecía quedar un pouco atrás en potencia defensiva e concentración no ataque (7-4, min. 11).  

 E a paciencia deu os seus froitos, e o Guardés logrou aproveitarse de dúas exclusións consecutivas na escuadra italiana para asestar un contundente parcial 0-3 que devolvía o partido ao momento de partida xusto no ecuador da primeira parte (7-7, min. 15). Bruno Tornelli solicitaba parar o tempo entón para tratar de reconfigurar o xogo das súas, algo máis errático pola inferioridade numérica. 

 Pero o corte de ritmo non serviu de moito, pois o equipo baixomiñoto estaba de doce e sabía aproveitar agora o seu lugar no partido. Nos minutos seguintes o Guardés, moito máis confiado, reduciu erros e pechou filas en defensa para propiciar mellores oportunidades para a portería de Kapitanovic. Balzinc tamén achegou de forma crucial nestes momentos, encadeando numerosas paradas que deixaban aínda máis descolocadas ás sicilianas, cuxa portería non estaba agora tendo moito peso. Ao Erice custoulle outros cinco minutos desde o tempo morto volver anotar, período que ás de Ana Seabra permitiulles seguir desenvolvendo o seu xogo e aumentar a vantaxe (8-11, min. 20). 

 A parte final deste primeiro tempo seguiu a mesma dinámica, cun Mecalia crecido ante un rival italiano ao que, por unha cousa ou pola outra, custáballe horrores chegar á rede de Balzinc, aínda que na maioría de ocasións o motivo eran os propios erros non forzados, cando non a mesma porteira guardesa. Aínda que o Erice chegou a encadear un par de acertos tras volver entrar no partido nos últimos minutos, o parcial final foi de 2-6 no terzo final da primeira metade, e o Guardés íase aos vestiarios cunha vantaxe de sete goles neste partido e 10 no global da eliminatoria (10-17, min. 30). 

 A segunda parte, a pesar de que comezou cun acerto de Do Nascimento desde a liña de penalti, prolongou a superioridade guardesa e o marcador foise a máximos. Chegaron a alcanzar as de Ana Seabra once goles de vantaxe ao principio, signo do desarmado traballo ofensivo das locais, aínda completamente fora do ritmo de xogo e permitindo ao Guardés actuar ao seu antollo (14-25, min. 41). A portería seguía impresionando: Balzic acumulaba nestes momentos xa 16 paradas e superaba o 50% de efectividade, adiviñando con facilidade as intencións das lanzadoras italianas. 

 Continuaba errático o Erice, forzando lanzamentos e desacertado de forma moi preocupante no tiro a porta, con só 14 goles a estas alturas do encontro. As matemáticas non acompañaban xa ás anfitrioas desde facía varios minutos, pero o Guardés tampouco facía por mellorar as súas posibilidades, despregando un ataque perfectamente engraxado e liderado por unha Cecilia Cacheda que foi máxima goleadora seguida de preto por Blazka Hauptman. Os afeccionados de O Inferno desprazados ata o Pa Cardella levaban xa varios minutos celebrando a clasificación cando as súas dobraron o marcador italiano (15-30, min. 53).  

 Pechouse o partido cun Erice que respondía tarde, conseguindo de súpeto roubos que lograban chegar á rede guardesa, custodiada agora por Sabina Mínguez. Pero sabían as de Tornelli que a resposta chegaba a destempo e que os mínimos acertos eran unha tirita na ferida aberta que era un marcador tan folgado, despois de demostrar durante todo o encontro unha capacidade competitiva que nada tiña que ver coa súa visita á Sangriña unha semana atrás (19-30, final). O tempo corría e un Guardés pletórico terminou por impoñerse, levantado por un acerto de máis do 70% e por unha portería que sumou 20 paradas entre as súas dúas sentinelas, certificando a clasificación a cuartos de final da EHF European Cup por un folgado marcador global de 55-35, impensable unha semana atrás. Unha gran noticia que chega de maneira moi merecida e para levantar os ánimos dun equipo que volve agora a centrarse na liga, pensando xa na súa visita ao Bera Bera o vindeiro sábado 31. 

 O equipo baixomiñoto coñecerá o seu rival para cuartos e o seu itinerario ata a final no sorteo do próximo sábado, 31 de xaneiro, entre os que xa sabe que poden atoparse o Bursa Büyüksehir turco, que eliminou ao Beti-Onak español esta tarde; o Cabooter Veno neerlandés, ou o AC Paok grego, á espera do resto de encontros aínda en curso esta fin de semana.    

Handball Erice SSD ARL (10+9): Alexandra do Nascimento (4), Ramona Manojlovic (3), Dagui Assana (3), Shandy Barbosa (3), Teresa Losio (2), Irène Fanton (1), Alexandra Severin (1), Macarena Gandulfo (1), Delphine Ahanda (1), Nicole Bernabei, Marianela Tarbuch Pilar, Melina Cozzi, Lucia Dalle Crode, Gaby Pessoa, Martina Iacovello (p.) e Ivana Kapitanovic (p.). 

Mecalia Atlético Guardés (17+13): Cecilia Cacheda (7), Blazka Hauptman (5), Carme Castro (4), Lorena Téllez (3), Elena Martínez (3), María Palomo (2), Rosane Serrano (2), África Sempere (1), María Sancha (1), Ania Ramos (1), Jazmín Mendoza, Amandine Balzinc (p.) e Sabina Mínguez (p.). 

Marcador cada cinco minutos: 3-0, 4-3, 7-7, 8-11, 8-13, 10-17, 12-20, 14-24, 14-25, 14-28, 17-30, 19-30.  

Árbitros: Sofija Petrovic e La Zrnic. Amoestaron con tarxeta amarela ás locais Nicole Bernabei e excluíron con dous minutos aos locais Nicole Bernabei e Bruno Tronelli (adestrador), Delphine Ahanda e Macarena Gandulfo. 

Incidencias: Partido de volta da fase Last 16 de oitavos de final da EHF European Cup, disputado no pavillón Pa Cardella, de Casa Santa (Erice, Sicilia). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario