O Trail Adventure Muíños do Folón estrea andaina solidaria
• Con esta proba a Agrupación Musical do Rosal, recadará fondos para participar no Mundial de Bandas de Kerkrade
• Aberta a inscrición para participar tamén nos 12KM e 21KM desta cita imprescindible co turismo deportivo sostible
Infogauda / O Rosal
O Trail Adventure Muíños do Folón volve ao Rosal o vindeiro 22 de febreiro de 2026 cunha edición que medra en compromiso e emoción ao incorporar, por primeira vez, unha andaina solidaria que une deporte, patrimonio e música nun mesmo percorrido.
Esta nova andaina, de 8 quilómetros e dificultade media, está organizada pola Agrupación Musical do Rosal co obxectivo de recadar fondos para representar ao municipio no Mundial de Bandas de Kerkrade (Países Baixos) o próximo mes de agosto. As persoas participantes recibirán unha camiseta propia da andaina, contribuíndo tamén a dar visibilidade ao intenso traballo cultural e artístico que desenvolve a formación rosaleira ao longo de todo o ano.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “esta andaina solidaria é un exemplo perfecto de como no Rosal sabemos sumar esforzos: deporte, cultura e solidariedade camiñan xuntas para apoiar proxectos que levan o nome do noso concello máis alá das nosas fronteiras”. A rexedora subliñou tamén “o orgullo que supón ver á Agrupación Musical do Rosal representar á nosa vila nun evento internacional desta dimensión”.
Xunto á andaina, o Trail Adventure Muíños do Folón consolídase como unha proba deportiva de referencia, capaz de atraer cada ano a máis persoas afeccionadas as carreiras de sendeiros e a un turismo deportivo respectuoso coa contorna natural. A carreira contará con dúas distancias: a Adventure 12 km e a Advance 21 km, con saída dende a Praza do Calvario ás 10.00 e ás 10.30 horas, respectivamente.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, salientou que “o Trail Muíños do Folón é moito máis ca unha carreira: é unha experiencia deportiva que pon en valor o noso patrimonio natural e histórico, grazas a un percorrido coidado ao detalle que cada ano se renova para sorprender ás persoas participantes”.
As inscricións están abertas ata o 18 de febreiro a través da web www.traildofolon.com, cun prezo de 15 euros que inclúe camiseta oficial.
Dende o Concello do Rosal quérense agradecer especialmente as colaboracións da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Rosal, de Protección Civil, así como dos veciños e veciñas e das persoas afeccionadas ao sendeirismo que forman parte do grupo de voluntariado activo, que percorren os montes, crean novas rutas e fan posible que cada edición do trail sexa diferente, mellor e máis segura.

Ningún comentario:
Publicar un comentario