9 de dec. de 2025

VIGO

A Inspección de Traballo conclúe que o asasinato da traballadora do SAF do Porriño debeuse á falta de prevención de riscos 

O secretario xeral da CIG anuncia que a central esixirá a depuración de responsabilidades empresariais e políticas, tanto municipais como autonómicas 


Paulo Carril compareceu hoxe diante dos medios de comunicación en Vigo, xunto a técnica de Igualdade e secretaria das Mulleres da CIG de Vigo, Ester Mariño, o secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, e representantes sindicais da central nos SAF

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG fixo públicas hoxe as principais conclusións do informe elaborado pola Inspección de Traballo tras denuncia da central sindical a raíz do asasinato o pasado mes de xullo da traballadora do Servizo de Axuda do Fogar (SAF) do Porriño, Teresa de Jesús Rodríguez González. No documento evidénciase que a morte foi consecuencia da falta de prevención en materia de riscos laborais por parte da concesionaria Aralia e que o Concello coñecía a situación de vulnerabilidade da empregada. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, anunciou que a central reclamará que se depuren responsabilidades empresariais e políticas, tanto a nivel municipal como autonómico, e acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de non asumir as súas competencias ao non garantir un protocolo de seguridade con medidas “áxiles e eficaces” e de mentir por ter presentado un texto que era só un documento de traballo. 

 Carril, que compareceu hoxe diante dos medios de comunicación en Vigo xunto a técnica de Igualdade e secretaria das Mulleres da CIG de Vigo, Ester Mariño, o secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, e representantes sindicais da central nos SAF, lembrou que na rolda de prensa do pasado 5 de agosto, días despois do asasinato, a CIG presentou unha proposta protocolo para garantir a seguridade a saúde do persoal dos SAF, ademais de dar conta da denuncia presentada diante da Inspección e de anunciar que a central se sumaba ao proceso xudicial aberto.  

 No informe da autoridade laboral vense corroboradas todas as cuestións que a CIG expoñía a respecto do suceso. De igual xeito, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza (ISGGA) emite un informe o pasado 16 de outubro no que recoñece que a traballadora estaba exposta a unha situación de risco que precisaba unha análise previa e que o protocolo non era axeitado e ademais descoñecido pola afectada, ademais de existir déficit en formación de prevención de riscos. O documento recomenda unha serie de actuacións, como revisar o protocolo, realizar unha avaliación de riscos específica e elaborar un código que explique as obrigas e dereitos das persoas usuarias e das súas familiares.  

 Ao mesmo tempo o informe constata unha serie de deficiencias, como a falta de avaliación de riscos psicosociais e de violencia no domicilio, así como que o persoal ten que ter claro que pode abandonar o servizo de existir un risco claro e evidente para a súa integridade, tendo que realizarse unha análise previa da situación para poder retomarse. O procedemento ten que facerse dunha forma “rápida, eficaz e segura” para a persoa traballadora e hai que activar os recursos materiais e persoais necesarios para acompañar a vítima, neste caso a persoa traballadora, e non debe repercutir custe económico algún. Ten que existir tamén un rexistro de incidencias e o protocolo ten que ser coñecido por todo o persoal.  

 Para Carril o que está a acontecer vén a confirmar o “fracaso” do actual modelo do SAF imposto aos Concellos, baseado na  precarización e privatización” do servizo e na falta de seguridade para o seu persoal. Unha situación que -censurou- segue a manterse a día de hoxe pese a que hai unha mesa de traballo aberta para elaborar un protocolo que levamos anos reclamando. Pola súa banda, o secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, demandou que as medidas que se contemplen no protocolo teñen que ser incluídas tamén no convenio colectivo para consolidar o dereito á seguridade e á saúde do persoal e censurou que todas as xuntanzas para a súa elaboración celebráronse por iniciativa da central sindical. 

 Finalmente, o secretario xeral da CIG adiantou que o informe da Inspección vai xogar un papel moi importante na causa penal á que a CIG se sumou para reclamar que se depuren responsabilidades, tanto a nivel empresarial como a nivel político municipal e autonómico, “porque a conselleira de Política Social, Fabiola García, non pode seguir vivindo cega, xorda e muda ante o que está a suceder no SAF e que siga a impoñer a prestación do servizo en domicilios nos que pode haber riscos graves”. 

Desprotección das persoas traballadoras 

 Ester Mariño, técnica de Igualdade e secretaria das Mulleres da CIG de Vigo, explicou que a central sindical presentou denuncia na Inspección de Traballo e mesmo día do asasinato da traballadora, cuxo resolución a central recibiu o pasado día 28 de novembro, “na que se constatan cuestións que a CIG leva denunciando dende que aconteceu o suceso, e que teñen que ver coa total desprotección das persoas traballadoras”.  

 O informe deixa claro que a empresa sabía que a traballadora non quería acudir a ese domicilio porque estaba a padecer acoso, e que polo tanto coñecía a situación de vulnerabilidade da afectada. A empresa forzou para que acudira ao domicilio, “o que amosa algo que para nós é inasumíbel: que a protección das traballadoras quede en mans de que elas mesas renuncien ao servizo, reducindo horas de contratación e perdendo salario; isto é un condicionante que fai que moitas persoas do sector opten por non denunciar”.  

 Mariño censurou tamén a actitude do Concello, “que sostivo que descoñecía o que acontecía neste domicilio, cando queda demostrado que actuou previamente noutras queixas que se rexistraran con anterioridade”. 

 Ao mesmo tempo, fixo fincapé en que o documento da Inspección evidencia que toda a normativa que articula os SAF en Galiza fai unicamente referencia á protección das persoas usuarias, pero obvia os dereitos e a protección das traballadoras, o que as obriga a asumir a súa propia protección mediante a renuncia o servizo. “E xa ten acontecido que cando algúns Concellos que suspenderon servizos por motivos de seguridade a Xunta di que hai que primar a prestación e reactiva o servizo incluso en situación de risco grave e inminente”.  

Ausencia de avaliación de riscos 

 A investigación levada a cabo polas funcionarias que asinan a resolución determina que as causas principais do suceso teñen que ver co feito de que a empresa non adoptou medidas preventivas algunhas en canto á exposición a riscos sicosociais, non protocolarizou axeitadamente a resposta nin formou a traballadora afectada. <<Non se cumpriu coa obriga de seguridade e saúde fronte aos riscos laborais, cunha ausencia de política preventiva nesta materia>>. 

 Ponse de manifesto que non existe unha avaliación nin de violencia de orixe externa nin de riscos psicosociais en xeral por parte da empresa, así como que os tres protocolos existentes non son coñecidos por parte das persoas traballadoras nin conteñen ningunha resposta preventiva, máis alá de recomendacións de manter a calma e o bo trato coa persoa usuaria e poñerse en contacto coa coordinadora. <<Chegando o caso de que se atope nunha situación de violencia no domicilio, o procedemento relatado pasa pola coordinadora e a xefe de persoal, e coa obriga inmediata de pasar pola oficina a asinar unha declaración xurada>>. 

 De feito, recóllense varias incidencias comunicadas con anterioridade polas persoas traballadoras que atendían o domicilio, sen máis actuación por parte da empresa que algunhas recomendacións. Por iso cando Teresa manifestou na mañá do mesmo día no que foi asasinada a súa intención de renunciar ao servizo pola situación de acoso que padecía <<a resposta dada polas súas coordinadoras foi que se quería abandonar o servizo tiña que ir á oficina a prestar unha declaración xurada>>. No propio informa da Inspección recoñécese que <<se renuncia ao servizo renúnciase a esas horas de traballo que se ocupan nese domicilio>>, así como que este episodio <<non se recolle no informe de investigación do accidente da empresa>>. 

 A autoridade laboral vai aínda máis alá ao cualificar de <<lentos e burocratizados>> as canles de comunicación de incidencias e de <<meramente teórica>> a capacidade das empregadas para rexeitar unha asignación perigosa. Neste contexto, o informe considera que o artigo 21 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, que recoñece o dereito dunha persoa traballadora a interromper a actividade ante un risco grave a inminente, <<queda neutralizado pola estrutura organizativa e contractual do SAF, e pola presión implícita que xera o deber de garantir a continuidade do servizo a persoas usuarias que dependen del>>. 

 Por todo isto, propón unha sanción por infracción grave da Lei de Prevención de Riscos Laborais no seu grao máximo por non adoptar as medidas pertinentes para que a traballadora puidese interromper a súa actividade de inmediato e outras dúas en grao mínimo por non informar as delegadas de prevención dos danos sufridos pola afectada e por non ter contado con elas para a investigación do acontecido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario