Melchor, Gaspar e Baltasar volverán regalar a súa maxia o próximo 5 de xaneiro na Eurocidade Tui-Valença
• A Cabalgata Internacional sairá dende a Fortaleza de Valença. A recepción real terá lugar no Teatro Municipal de Tui
Infogauda / Tui
Os Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar, volverán regalar a súa maxia o luns, 5 de xaneiro na Eurocidade Tui-Valença cunha nova edición da Cabalgata Internacional, unha celebración única en toda Europa.
Este ano, como novidade, a comitiva real iniciará a súa viaxe, ás 17 h (ES), nas Cortinas de São Francisco, na Fortaleza de Valença. Dende alí, ao longo dun percorrido de 3,5 quilómetros repartirán a súa maxia e ilusión pola Avenida dos Combatentes da Grande Guerra, a Rotunda da Trapicheira, e a Avenida de España, para cruzar a centenaria ponte internacional.
Xa en terras tudenses, Melchor, Gaspar e Baltasar, avanzarán pola Avenida de Portugal, polas rúas Martínez Padín, Ourense, e Lugo para chegar até a praza de Galicia e continuando logo polas rúas Betanzos e Compostela, onde as carrozas quedarán estacionadas. Dende alí, as Maxestades de Oriente desprazaranse até o Teatro Municipal onde ás 19.45 h comezará a recepción a todos os nenos e nenas que desexen a saudalos e compartir con eles os soños para unha noite cargada de ilusión.
Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán á Eurocidade Tui-Valença en tres magníficas carrozas, acompañados por outras catro carrozas creadas con agarimo e dedicación polas asociacións Arume, de Malvas; Aloia, de Pazos de Reis; Lembranzas, de Guillarei; e Xuntanza, de Randufe. A música da Rondalla O Mosteiro, de Pexegueiro, e as charangas tudenses Cantos Somos e A Tu Ritmo porán a banda sonora a este máxico percorrido. Os Reis, os seus paxes e toda a comitiva, irán repartindo 1.500 quilos de caramelos sen glute.
Máis de 200 persoas participarán activamente na Cabalgata Internacional de Reis entre os figurantes, músicos e persoal de organización e seguridade. Os gobernos municipais de Tui e Valença participarán tamén neste percorrido simbolizando o traballo conxunto que realizan ao longo do ano no marco da Eurocidade e que dende 2010 ten na Cabalgata de Reis unha das actividades compartidas con maior participación e repercursión.
Antes deste percorrido internacional os Reis estarán xa pola mañá no Teatro Municipal recibindo aos nenos e nenas 10.30 a 14 h.
A Eurocidade Tui-Valença ultima así os preparativos para unha xornada na a maxia e a ilusión traspasarán fronteiras nunha cita máxica entre dous municipios de dous países unidos polo Miño.

Ningún comentario:
Publicar un comentario