22 de dec. de 2025

TOMIÑO

Tomiño énchese de música, contos e festa para despedir o ano  

 O Concello programa case unha decena de actividades culturais para todos os públicos para vivir un Nadal cheo de encontros, creatividade e ledicia compartida  




Infogauda / Tomiño

 O Nadal en Tomiño convértese nunha experiencia colectiva que latexa nas rúas, nas prazas e nos espazos culturais do municipio. O Concello despide o ano cunha programación diversa e aberta a todos os públicos, con preto dunha decena de actividades que convidan a gozar en familia, a celebrar en comunidade e a facer do Nadal un tempo para compartir. 




 A programación arranca no Espazo Isaura Gómez, que se converte nun dos epicentros destas festas. O venres, 26 de decembro ás 12.00 h, a protagonista será Mizi, a londra mascota da Eurocidade Cerveira-Tomiño, que visitará a biblioteca para coñecer aos cativos e cativas e seguir descubrindo os espazos de interese do territorio transfronteirizo. Un encontro pensado para o público familiar que mestura xogo, música e descubrimento nun ambiente festivo e acolledor.

 



 Ao día seguinte, o sábado 27, tamén ás 12.00 h, a narradora Bea Campos regresará ao Espazo Isaura Gómez co seu contacontos Un berce cheo de contos, unha proposta delicada e próxima dirixida a público familiar, mesmo para bebés a partir de seis meses, perfecta para compartir estes días de Nadal. 




 A música tomará forza nas rúas e prazas a partir da tarde do día 26, coa chegada á praza do Seixo ás 17.30 h de Gramola Gominola, unha das bandas de rock infantil máis recoñecidas do país, que fará bailar a pequenos e maiores cun concerto cheo de enerxía e humor. A xornada continuará cunha festa pre-fin de ano organizada pola Comisión de Festas do Alivio, reforzando o espírito participativo destas datas. 




 O sábado 27, ás 22.30 h a carpa da praza do Seixo acollerá o concerto especial de Nadal de La Patrulla, seguido dunha animada festa dos anos 80 cos DJs Chimo Cabreira e David Escudero nunha iniciativa que conta coa colaboración de locais nocturnos de Tomiño Versus e Entresons e da Asociación Colibrí. 




 A programación continúará o domingo, 28 ás 19.00 h co concerto de Nadal, da Coral Polifónica de Tomiño, acompañado dunha chocolatada popular con chocolate quente de balde para o público asistente. Tamén o domingo, 28 a Rondalla do Centro Veciñal e Cultural de Valladares percorrerá as rúas do centro de Tomiño de 11.30 a 13.30 horas.




 Os días seguintes traerán propostas singulares e cheas de imaxinación, como o Desfile da Galiña dos Ovos de Ouro o luns, 29 ás 17.30 h na praza do Seixo e polas rúas de Tomiño ou o pasacalles de Latexo Percusión o martes 30 ás 17.30 h, que encherán as rúas de ritmo, cor e sorpresa. 




 A alcaldesa, Sandra González, destacou que “esta programación reflicte o modelo de Nadal que queremos para Tomiño, un Nadal vivido na rúa, inclusivo, interxeracional e no que a cultura e a participación veciñal sexan as verdadeiras protagonistas”. A rexedora subliñou tamén que “apostar por actividades gratuítas e para todos os públicos é apostar por fortalecer a convivencia e facer do Nadal un tempo de encontro real entre as persoas”. 

 Desde o Concello convídase a toda a veciñanza a participar e desfrutar dunha programación que converte Tomiño nun lugar onde despedir o ano con música, contos, festa e comunidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario