10 de dec. de 2025

TOMIÑO

O Concello de Tomiño lamenta o uso partidista de Protección Civil  

 

Casa do Concello de Tomiño
Foto: C.T.

Concello de Tomiño

 O Concello de Tomiño lamenta profundamente que o Partido Popular pretenda introducir á Agrupación de Protección Civil na confrontación política, poñendo en cuestión un servizo sustentado no compromiso altruísta de veciños e veciñas que realizan un labor voluntario e desinteresado ao servizo da comunidade. 

 Dende o Concello saliéntase que a información difundida polo PP responde a unha denuncia exclusivamente política e partidista, que non se corresponde coa realidade do funcionamento da agrupación nin coa relación que mantén co Concello, que é permanente, fluída e baseada na colaboración e no respecto. 

 No que respecta ao material da agrupación, a finais do pasado verán realizouse un inventario completo no que se detectou que parte do equipamento estaba caducado. A raíz dese traballo, o concelleiro responsable solicitou os correspondentes orzamentos para a renovación do material necesario. Unha parte desa reposición incluíuse xa nunha solicitude de subvención á Deputación de Pontevedra que se atopa pendente de resolución. Neste proceso produciuse tamén un cambio na directiva da agrupación, motivo polo que o concelleiro ten xa marcada unha reunión coa nova directiva para consensuar as prioridades e avanzar de xeito coordinado. 

 Por outro lado, o Concello desminte con rotundidade unha das acusacións máis graves vertidas polo PP: en ningún caso opera ningún voluntario ou voluntaria sen estar asegurado. Actualmente a agrupación conta con arredor de 30 persoas voluntarias, das cales 17 figuran aseguradas. Cómpre subliñar que nunca participan 17 persoas simultaneamente nun operativo, nin sequera en grandes eventos como o Venres de Foliada ou a Cabalgata de Reis. As e os voluntarios inscríbense para participar nestes eventos mediante unha aplicación que financia o Concello de forma íntegra. Por outra banda, o propio secretario da agrupación realiza as altas no seguro cada vez que unha persoa nova pasa a participar activamente, algo que sucede con pouca frecuencia, xa que nos operativos soen participar sempre os mesmos voluntarios e voluntarias.  

 O Concello de Tomiño lembra tamén que a xestión das emerxencias non é responsabilidade da Protección Civil voluntaria. As agrupacións de Protección Civil non substitúen nin poden substituír aos servizos profesionais, como bombeiros, GES, Policía de Tráfico ou Garda Civil. A súa función é de apoio e colaboración, sempre baixo a supervisión das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias profesionais. Pretender converter aos voluntarios en profesionais encubertos é non entender nin respectar a esencia do voluntariado. 

 Neste sentido, o Concello de Tomiño lembra que os servizos de emerxencias son competencia da Xunta de Galicia e resulta contraditorio que se sinalen carencias no ámbito municipal mentres a administración autonómica mantén situacións tan preocupantes como a precariedade dos corpos profesionais, exemplificada polas mobilizacións e protestas dos bombeiros forestais, que veñen reclamando melloras laborais e denunciando o cesamento de preto dun milleiro de efectivos tras a vaga de incendios do pasado verán. Non se pode pretender suplir con voluntariado a falta de recursos estruturais que son responsabilidade autonómica. 

 Dende o Concello queremos expresar, unha vez máis, o noso agradecemento e recoñecemento á Agrupación de Protección Civil de Tomiño polo seu traballo. Nunca houbo tantos voluntarios como na actualidade, un feito que reflicte o compromiso da veciñanza e o traballo realizado dende a área municipal responsable. Ese compromiso, porén, non pode nin debe ser utilizado como arma política. 

 O Concello seguirá traballando da man da agrupación, apoiando o voluntariado e defendendo un modelo de servizos públicos no que cada administración asuma as súas competencias, sempre coa seguridade da cidadanía como prioridade absoluta. 

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario