15 de dec. de 2025

ENSINO

A CIG organiza marchas fúnebres dende os centros de ensino coincidindo coa folga do 16 

Vigo, Cangas, Moaña, Bueu, Redondela, Gondomar e Ponteareas acollerán actos reivindicativos previos á manifestación do 17 en Santiago 


Imaxe dunha mobilización precedente, organizada pola CIG-Ensino
Foto: CIG
 

Infogauda / Vigo

 Distintos centros educativos de Vigo, Cangas, Moaña, Bueu, Redondela e Gondomar acollerán na mañá deste martes 16 de decembro marchas fúnebres organizadas pola CIG-Ensino para simbolizar o enterro do ensino público, coincidinco coa primeira das dúas xornadas de folga promovidas pola central nacionalista. Na cidade olívica haberá tamén unha manifestación ao mediodía. 

 Dende a CIG chaman o profesorado a participar activamente levando simboloxía fúnebre, vestindo de negro e portando cartelaría reivindicativa para visibilizar as demandas da comunidade educativa.  

 Lembran que últimos días estanse producindo movementos na Consellaría para adiantar a negociación da baixada de ratios en secundaria e para a redución do horario lectivo, pero son insuficientes porque quedan moitas outras cuestións que levaron á convocatoria de cinco días de folga no que vai de curso.  

Todas as marchas darán comezo ás 10:00 horas: 

Roteiro 1 VIGO: dende o IES San Tomé, pasando por varios centros, para rematar no IES Santa Irene. 

Roteiro 2 VIGO: dende o CEP Dr. Fleming até o IES do Castro. 

Profesorado da comarca do Morrazo que previamente levará a cabo marchas nas distintas localidades collerá despois o barco para achegarse até a cidade olívica e sumarse á manifestación que arrincará dende o cruce das rúas Urzaiz con Vía Norte ás 12:00 horas e que rematará no cruce de Colón. 

Roteiro CANGAS: dende o IES Monte Carrasco, pasando polo IES de Rodeira, até a estación marítima. 

Roteiro MOAÑA: dende o IES A Paralaia, con parada noutros tres centros da localidade, e remate na estación marítima. 

Roteiro BUEU: marcha entre os centros IES Illa de Ons e CEIP A Pedra. O profesorado neste caso unirase posteriormente á marcha de Pontevedra. 

Roteiro REDONDELA: desde o IES Mendiño até o Concello de Redondela. 

Roteiro GONDOMAR: dende o IES Terra de Turonio. 

 As comitivas farán paradas en diversos centros educativos durante o percorrido para colgar esquelas, cartelaría e crespóns negros para facerlle visíbel ás familias e ao alumnado as reivindicacións do profesorado por un ensino público galego con dereitos para todas as persoas. 

 No caso de PONTEAREAS hai convocada unha manifestación pola tarde que sairá do IES Val do Tea ás 19:00 horas

Ningún comentario:

Publicar un comentario