12 de dec. de 2025

CULTURA

A Xunta de Galicia amplía e mellora o espazo de visita ao Castro do Teso da Ermida, en Navia de Suarna 

 O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que coa recente campaña supéranse os 117.000 euros de investimento nos traballos arqueolóxicos e a reconstrución da antiga capela


O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o enclave, que destaca polo excelente grao de conservación das vivendas
Foto: X.G.

Infogauda / Navia de Suarna (Lugo)

 A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de rematar unha nova campaña arqueolóxica no Castro do Teso da Ermida, en Navia de Suarna. Contou coa colaboración da asociación Ser -promovida por Oliver Laxe- e do Concello e serviu para ampliar e mellorar o espazo de visita, completando un conxunto de vivendas que crean a visión do poboado e propoñendo un itinerario máis óptimo de acceso e interpretación para o público.  

 O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o enclave, que destaca polo excelente grao de conservación das vivendas. Algunhas presentan muros de máis de 4 metros de altura e aportan abundantes datos sobre a arquitectura castrexa, como os entalles para os marcos das portas, utilización de soga e tizón, existencia de fallados, cubrición con elementos vexetais, zócalos exteriores ou a existencia de varios niveis internos.  

 Arias sinalou que a Consellería suma un investimento de máis de 117.000 euros nas distintas fases acometidas desde o ano 2020 no lugar: 65.015 euros en traballos arqueolóxicos e 52.093 euros na reconstrución da antiga capela sita no sector sueste.  

 Como colofón á actual campaña, a Xunta ofrece este sábado, a partir das 12:00 horas,   unha visita comentada ao xacemento. Igualmente, o domingo á mesma hora convoca  unha acción similar no castro de Formigueiros, en Samos, onde veñen de rematarse  tamén labores de roza e conservación.  

 En ambos casos as visitas serán conducidas por persoal técnico, son gratuítas e non requiren inscrición previa. Arias indicou que o propósito destas xornadas “é difundir  entre a cidadanía o valor cultural e histórico do noso patrimonio arqueolóxico”.  

Características e achados 

 No castro do Teso da Ermida leváronse a cabo nestes últimos meses dúas longas sondaxes nunha superficie total de actuación de 97 m2, que permiten contemplar agora varios bancais da ladeira onde se atopan as construcións; son en total 7 vivendas, 4 practicamente completas (3 circulares e unha rectangular) e outras tres parcialmente escavadas, ademais de diferentes zonas de paso, calellos, muros de nivelación e descarga, escaleiras, lousados e sistemas de drenaxe.  

 Os muros das vivendas son de xisto e lousa cun espesor medio entre 50 e 70 cm, e  aséntase sobre a rocha apreciándose en moitos lugares as marcas de entalles. O teitume das vivendas apoiaba nos paramentos de cachotería e estaban construídos en palla sobre un armazón de vigas de madeira. 

 A distribución interior das cabanas tiña varios niveis: a disposición de dous ou máis niveis facíase por medio de fallados de madeira apoiados nos rebaixes feitos nos muros e que seguramente non pechaban completamente os distintos espazos. No piso inferior construíase o complexo doméstico, que incluía o fogar, paraventos, braseiro e nalgún caso un banco corrido.  

 Localizáronse ademais 176 pezas, fundamentalmente material cerámico e de carácter moi doméstico, entre os que se atoparon manufacturas romanas das que se deduce a existencia dun comercio integrado no mundo romano. Destaca un fragmento de paredes finas de Melgar de Tera que aporta información cronolóxica, xa que este tipo de cerámica enmárcase na metade do século I d.C.

Ningún comentario:

Publicar un comentario