15 de dec. de 2025

A GUARDA

A V Asemblea da CIG do Baixo Miño reelixe a Serafín Fernández secretario da Unión Local 

No proceso celebrado o sábado no Centro Cultural da Guarda tamén se renovou a executiva, e marcáronse as liñas de traballo dos vindeiros anos 


Serafín Fernández Portela foi reelexido secretario da Unión Local, na V Asemblea da CIG do Baixo Miño
Foto: CIG


Infogauda / A Guarda

 A V Asemblea da CIG do Baixo Miño reelixiu o pasado sábado a Serafín Fernández Portela como secretario da Unión Local. No proceso celebrado no Centro Cultural da Guarda e no que participaron 35 persoas tamén se renovou a executiva e definíronse as principais liñas de traballo que orientarán a acción sindical no vindeiro período. 

 O informe de xestión da anterior executiva, que repasa a actividade realizada ao longo dos últimos catro anos, foi aprobado por 30 votos a favor, 1 en contra e 3 abstencións. Mentres que a candidatura de consenso que encabezaba Fernández Portela sumou 30 votos a favor e 3 en branco, o mesmo resultado colleitado pola lista de persoas que integran a executiva.  

 No encontro tomou a palabra tanto o novo secretario da Unión Local como o secretario comarcal da CIG, de Vigo, Alberto Gonçalves, que salientou a importancia da xornada de debate “para seguir avanzando na consolidación dunha ferramenta fundamental para a clase traballadoras galega como é a CIG”.  

 Composición da nova Executiva da CIG do Baixo Miño: Serafín Fernández Portela; Olga Orduña Pereira; Rosa María Salgueiro Fernández; María Carmen Martínez Rodríguez; Antonio Álvarez González; Francisco Campo Lago; e Xulio Vicente González.

Ningún comentario:

Publicar un comentario