Tomiño retoma o servizos de OMIX e Orientación Laboral no Campo da Feira
• O Concello estrea este edificio municipal tras unha profunda reforma de eficiencia enerxética na que se investiron preto de 140.000 euros
Infogauda / Tomiño
A transformación do edificio municipal do Campo da Feira xa é unha realidade. Tras unha reforma integral orientada a reducir o consumo e mellorar o confort, as instalacións acollen de novo desde esta semana dous servizos esenciais para a veciñanza, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e o servizo de Orientación Laboral.
O inmoble, que acaba de estrear unha renovación completa orientada á eficiencia enerxética, convértese nun espazo máis moderno, sustentable e preparado para ofrecer atención directa á mocidade e ás persoas que buscan mellorar a súa inserción profesional. Con esta actuación, Tomiño dá un paso firme no camiño de facer da sustentabilidade un eixo central da súa xestión pública.
A intervención contou cun investimento global de preto de 140.000 euros, financiados con fondos municipais e fondos europeos a través do programa Galicia Feder 2021-2027, a través dos que se achegaron máis de 111.500 euros.
O proxecto incluíu a instalación dun sistema avanzado de climatización baseado en aerotermia e chan radiante, a renovación da iluminación con tecnoloxía LED intelixente e dun sistema de ventilación de última xeración con recuperación de calor. Tamén se reforzou o illamento térmico en cuberta, chan e cerramentos exteriores. Grazas a este conxunto de melloras, o edificio acadará un consumo de enerxía primaria non renovable de 24,53 kWh/m² e unhas emisións anuais de 4,16 kgCO₂/m², reducindo máis do 80 % respecto á súa situación anterior.
A alcaldesa, Sandra González, salientou que esta remodelación “enmarca o compromiso de Tomiño coa sustentabilidade e a innovación”, subliñando que permite “dispoñer de espazos máis confortables, eficientes e preparados para prestar servizos públicos claves para a veciñanza”. A rexedora engadiu que a reapertura da OMIX e da orientación laboral “achega novas oportunidades á veciñanza, especialmente á xente moza, reforzando o apoio municipal ao emprego e á formación”.
Co edificio xa operativo, a mocidade poderá volver facer uso da OMIX para recibir asesoramento en programas formativos, mobilidade, oportunidades laborais e iniciativas xuvenís. Pola súa banda, o servizo de Orientación Laboral retoma a atención personalizada para axudar ás persoas en busca activa de emprego a mellorar o seu perfil profesional e explorar novas vías de inserción.
A rehabilitación enerxética do Campo da Feira forma parte da folla de ruta do Concello para avanzar cara a un modelo máis sostible, con edificios públicos eficientes que contribúan á redución de emisións e ao uso responsable dos recursos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario