Tomiño celebra a Castelao nunha semana para redescubrir o seu legado
• Xunto ao mural que enche de cor a Avda. República Arxentina, o Concello ofrece unha programación cultural para todos os públicos para achegar a figura do galeguista a abeiro do Ano Castelao
Infogauda / Tomiño
A presenza de Castelao latexa máis que nunca en Tomiño. Nas rúas, nos espazos culturais e nas pantallas, a súa mirada á Galicia viva e resistente cobra nova vida a través dunha ampla programación cultura coa que o Concello convida a todas as xeracións a mergullarse no mundo creativo, literario, artístico e político do ilustre galeguista no marco das actividades do Ano Castelao.
E farao a través dunha semana repleta de propostas culturais que dialogan co seu legado. Nas rúas xa pode gozarse do novo mural de Pedro Gonzalo, Beis, gañador do Concurso de Pintura Mural Castelao–Concello de Tomiño. A obra, situada na avenida República Arxentina, ofrece un percorrido visual polas diferentes etapas creativas de Castelao cun retrato reinterpretado nun estilo realista e cun cromatismo en tons azuis que evocan a bandeira galega, o mar e a identidade do país. Trazos soltos, xestos contemporáneos e escenas emblemáticas dialogan coa visión persoal do artista, nunha peza que fusiona tradición e reinterpretación para reivindicar a vixencia do legado de Castelao a través do tempo.
A programación continúa o sábado 15 de novembro ás 12.00 h no Espazo Isaura Gómez coa estrea do espectáculo de monicreques “Pelusa e o libro máxico de Castelao”, da compañía Títeres Natuacasa, unha proposta familiar que combina cancións populares, humor, emoción e aprendizaxe para achegar á rapazada a vida e obra do autor. Entrada libre.
Ese mesmo día, ás 21.00 h o Auditorio de Goián acollerá a proxección de balde do filme “Antes de Nós”, unha aproximación cinematográfica á figura do escritor e á súa relación con Virxinia, desde a súa etapa como médico en Rianxo durante a gripe española ata a súa viaxe á Bretaña en 1929 tras a perda do seu fillo. Un retrato íntimo que convida a coñecer ao Castelao previo á Xeración Nós e a unha Galicia que comezaba a transformar o seu devir histórico.
Ademais, o Espazo Isaura Gómez acolle nestes días a exposición “Castelao: de ‘Sempre en Galiza’ ao Consello de Galiza 1934–1944”, organizada pola Fundación Penzol e a Cátedra Castelao da USC en colaboración co Concello de Tomiño e comisariada por Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega. A mostra percorre cronoloxicamente a actividade literaria e política do autor, desde os seus primeiros artigos no desterro extremeño ata a fundación do Consello de Galiza en 1944, e presenta paneis e materiais documentais que permiten coñecer o proceso de creación de Sempre en Galiza e o contexto no que se fraguou un dos proxectos políticos máis relevantes do exilio galego.
A alcaldesa, Sandra González, destacou que “con esta programación Tomiño reafirma o seu compromiso coa cultura galega e co legado dunha figura fundamental na nosa historia. Queremos achegar o pensamento e a obra de Castelao á veciñanza desde múltiples linguaxes e formatos, para que continúe a ser un referente vivo e inspirador”.
Con esta intensa semana cultural, Tomiño continúa a celebrar o 75 aniversario do pasamento de Castelao, sumando novas propostas ao programa anual dedicado a difundir o seu legado cultural e político e a poñer en valor un período decisivo do pasado recente de Galicia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario