17 de nov. de 2025

O ROSAL

O Concello pon en marcha unha campaña informativa porta a porta para impulsar a compostaxe comunitaria 

  Persoal técnico visitará as vivendas do centro urbano para repartir cubos aireados e dar a coñecer o uso dos composteiros comunitarios 




 Infogauda / O Rosal 

 O Concello de O Rosal continúa avanzando cara a un modelo de xestión máis sostible e próximo á veciñanza. Os vindeiros xoves 20 e venres 21 de novembro, persoal técnico do Concello realizará unha campaña informativa porta a porta nas vivendas do centro urbano para dar a coñecer o uso dos composteiros comunitarios. 

 Durante as visitas explicarase como separar os restos orgánicos no fogar e utilizalos nos puntos de compostaxe comunitaria habilitados polo Concello. Ademais, entregarase a cada vivenda un cubo aireado de 10 litros, pensado para facilitar a separación da materia orgánica na casa. O servizo é gratuíto e indicarase o sinxelo proceso para darse de alta. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliña que “a compostaxe é unha das ferramentas máis sinxelas e eficientes para reducir residuos e avanzar cara a un modelo máis respectuoso co medio. Queremos acompañar á veciñanza, resolver dúbidas e facer que participar sexa cómodo e accesible para todas as familias”. A rexedora engadiu tamén que “a implicación cidadá é clave para lograr un Rosal máis sostible e é un orgullo ver como cada vez hai máis interese en formar parte deste cambio”. 

 O obxectivo desta iniciativa é reducir o volume de lixo que se deposita no colector verde e transformar a materia orgánica en compost de calidade, que pode ser utilizado pola propia veciñanza. As visitas centraranse principalmente nos edificios e vivendas da zona urbana, onde non é habitual dispoñer de espazo para compostaxe individual. 

 Esta acción forma parte da subvención de residuos que está a desenvolver o Concello do Rosal para impulsar a separación, valorización e mellora da xestión dos residuos municipais. 

 As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: https://medioambiente.orosal.gal Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal

 Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario