O sector da seguridade privada en Galiza, en alerta pola vaga de agresións e a precariedade
• A CIG denuncia a falta de medidas de autoprotección tras o incidente acontecido cun compañeiro no centro comercial Vialia de Vigo
Infogauda / Galiza
A seguridade privada galega está en alerta nos últimos días tras a vaga de agresións que se está a rexistrar no sector, até o punto de que “se está a converter nunha profesión de alto risco mal remunerada”, tal e como sinalan dende a CIG tras a agresión sufrida onte por un vixilante no centro comercial Vialia de Vigo. Neste senso, denuncian a falta de medidas de autoprotección e a elevada precariedade laboral que padecen a gran maioría do persoal dun sector no que a prioridade económica das empresas e dos clientes imponse sobre a protección das persoas traballadores e usuarias.
Un vixiante de seguridade da empresa Prosegur que presta servizo no Vialia foi agredido este domingo por unha persoa en aparente estado de intoxicación ou síndrome de abstinencia, provocándolle lesións e mordeduras, o que incrementa o risco sanitario para o traballador. Tanto el como os seus compañeiros do centro comercial teñen que afrontar todo tipo de incidencias (agresións, actos vandálicos e mesmo asistencia ás mortes que se produciron desde a inauguración do HALO), que son resoltas grazas a súa profesionalidade, “a pesar do que supón para a súa propia saúde física e mental”, tal e como sinala Benito L. Pazos, delegado da CIG no comité de empresa de Prosegur.
Para o representante sindical, o acontecido pon de relevo as carencias nas condicións de traballo do persoal de seguridade privada, que denuncia a falta de medios de autoprotección, escaseza de efectivos e ausencia de respaldo por parte da empresa e do cliente. “No caso do Vialia só había un vixiante para toda a galería comercial e outro no control de cámaras, a pesar de tratarse dun centro comercial que se integra coas estacións de tren e de autobuses e que recibe milleiros de persoas cada día”. Ademais, lembra que Prosegur non entregou aínda os chalecos anticorte comprometidos, polo que moitos vixiantes teñen que mercar o seu propio equipamento. “Non se pode garantir a seguridade de miles de persoas con tan poucos medios. Xa non só é un risco para nós, tamén para o público”, sosteñen dende o sector.
Ao mesmo tempo, inciden en que a agresión de Vigo non é un caso illado. Recentemente, un vixiante da catedral de Santiago resultou ferido tras ser agredido por un home que se negaba a abandonar o templo, nun contexto de tensión tras ser acusado de acoso por unha muller. En Vigo, outro vixiante foi agredido nun supermercado ao sorprender a un individuo roubando, causándolle lesións e obrigando á intervención policial. No CHUAC da Coruña un paciente atacou cun arma branca a un enfermeiro e a un vixiante, provocando feridas graves “e xerando unha forte indignación entre o persoal sanitario, que reclama máis medios e protocolos de protección”. E no hospital Provincial de Pontevedra a CIG puxo de manifesto a falta de persoal tras unha agresión a un vixiante por parte dun paciente psiquiátrico, que lle causou traumatismos e a rotura de varias pezas dentais.
Tendencia á redución de persoal
Neste contexto, a central sindical denuncia a tendencia xeral á redución de persoal en centros comerciais e grandes superficies. En lugares como o centro comercial Nasas de Nigrán, as horas de vixilancia presencial reducíronse só a unha presenza testemuñal, sendo substituída a figura do vixiante de seguridade por auxiliares de servizo en 2023. “En clientes como Vegalsa-Eroski, nos centros de traballo de Vigo nos que a figura do vixiante non pasou a ser directamente un auxiliar de servizo, a vixilancia faise con apenas un par motos itinerantes por toda a cidade, por non falar dos Mercadona, nos que até hai casos no que un só vixiante cubre varias tendas”.
E hoxe mesmo, nas tendas de Zara en Vigo, Vilagarcía e Pontevedra as quendas presenciais tamén se reducen á metade, “malia o alto nivel de incidencias e xuízos que por motivos do seu traballo afronta o persoal”.
Baixos salarios e xornadas excesivas
O responsábel de seguridade privada da CIG-Servizos, Pedro Pérez, lembra que durante a pandemia o persoal do sector foi considerado esencial, “pero leva décadas sometido a convenios vergoñentos, salarios baixos e xornadas excesivas e padecendo unha falta absoluta de medios e medidas de protección que garantan a súa seguridade laboral”.
Indica neste senso que a CIG ten interposto varias demandas por incumprimentos en materia de saúde laboral e de prevención de riscos, ao tempo que lle reclama o Ministerio do Interior e ao Departamento de Seguridade Privada da Policía Nacional unha revisión dos servizos contratados para garantir que se cumpra a normativa en materia de persoal mínimo, equipamento e prevención de riscos laborais.
“Mentres non se valore a función destas persoas e se lles dote de medios, e mentres sigan antepoñendo os beneficios sobre a seguridade das persoas traballadoras e usuarias, seguirán ocorrendo agresións coma estas ou peores”, rematan dende a central sindical.

Ningún comentario:
Publicar un comentario