Os Bolechas anuncian unha xira musical coa "muller orquestra"
• A primeira parada do espectáculo teatral terá lugar no concello de Vedra, mañá 7 de novembro ás 18.00h, no Local Multiúsos.
• As actuacións da xira estenderanse por 21 municipios de toda Galicia co fin de fomentar o interese pola música e promocionar o uso do idioma galego.
Rebeca Santomé Seijas / Santiago de Compostela
Bombo, pratos, clarinete, saxofón, frauta... Estes son só algúns dos instrumentos musicais que ten preparados Pili para converterse na fantástica "muller orquestra" da nova xira dos Bolechas. O espectáculo teatral arranca mañá no concello de Vedra, ao que lle seguirán as actuacións en Fornelos de Montes e en Catoira para completar a fin de semana.
Neste teatro de monicreques, Pili Bolechas decide converterse nunha "muller orquestra" e construír un escenario musical cos seus instrumentos para ofrecer un gran concerto, a pesar de que ningún de seus irmáns parece estar moi convencido. A medida que as melodías do tambor, a guitarra, o piano ou a frauta soan, as nenas e os nenos aprenderán os diferentes estilos musicais e participarán coa familia nas súas propias cancións. O obxectivo deste espectáculo é experimentar cos instrumentos e crear novos ritmos entre a cativada, ao mesmo tempo que fomentan o uso do idioma.
Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia que pretende promocionar o uso do galego e ampliar a oferta de ocio no noso idioma. O espectáculo teatral está orientado a un público cativo de entre 4 a 9 anos e tamén ás súas familias co fin de motivar o coñecemento do galego, ao mesmo tempo que se reforza a música como un elemento de conexión entre as persoas.
Calendario da xira
Cun total de 21 actuacións, o teatro dos Bolechas chegará a diferentes puntos da xeografía galega. A primeira parada da xira será mañá en Vedra, seguido de Fornelos de Montes, Catoira, Sandiás, Riós, Abadín, Palas de Rei, Vilalba, Viveiro, Vilar de Santos, Valga, Miño, Cariño, Valdoviño, A Teixeira, Fisterra, Forcarei, A Coruña, Val do Dubra, Begonte e, o último espectáculo o 19 de decembro, en Ramirás.
VEDRA. Venres, 7 de novembro. 18 horas. Centro Sociocultural.
FORNELOS DE MONTES. Sábado, 8 de novembro. 18 horas. Multiúsos.
CATOIRA. Domingo, 9 de novembro. 18 horas. Auditorio Municipal.
SANDIÁS. Venres, 14 de novembro. 11.45 horas. Casa da Cultura.
RIÓS. Venres, 14 de novembro. 18 horas. Salón de actos do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira.
ABADÍN. Sábado, 15 de novembro. 12.30 horas. Salón de actos da Casa do Concello.
PALAS DE REI. Sábado, 15 de novembro. 18 horas. Casa da Cultura.
VILALBA. Domingo, 16 de novembro. 13 horas. Auditorio Municipal Carmen Estévez.
VIVEIRO. Domingo, 16 de novembro. 18 horas. Teatro Pastor Díaz.
VILAR DE SANTOS. Sábado, 22 de novembro. 18 horas. Salón Multiúsos.
VALGA. Venres, 28 de novembro. 19 horas. Auditorio Municipal.
MIÑO. Sábado, 29 de novembro. 12 horas. Centro Social da Rúa.
CARIÑO. Sábado, 29 de novembro. 18 horas. Casa da Cultura.
VALDOVIÑO. Domingo, 30 de novembro. 12.30 horas. Local da Asociación de Veciños de Meirás.
A TEIXEIRA. Venres, 5 de decembro. 18 horas. A Teixeira núcleo.
FISTERRA. Sábado, 6 de decembro. 17 horas. Mercado Cultural.
FORCAREI. Domingo, 7 de decembro. 17.30 horas. Salón de actos da Casa do Concello.
A CORUÑA. Martes, 9 de decembro. 17 horas. Auditorio do Centro Ágora.
VAL DO DUBRA. Venres, 12 de decembro. 18 horas. Auditorio Municipal.
BEGONTE. Domingo, 14 de decembro. 17 horas. Centro Sociocultural José Domínguez Guizán.
RAMIRÁS. Venres, 19 de decembro. 12 horas. Salón de actos do Centro Sociocultural do Picouto.

Ningún comentario:
Publicar un comentario