13 de out. de 2025

TUI

O PP DE TUI RECLAMA A ANULACIÓN DO PRÉSTAMO DE 3,1 MILLÓNS PARA RENOVAR O ALUMEADO E PROPÓN ALTERNATIVAS SEN DÉBEDA PARA O CONCELLO 

O PP lamenta que o goberno deixase pasar as axudas a fondo perdido que aproveitaron outros concellos da provincia. 

Defende un proxecto ambicioso e punteiro que tamén sexa sostible económicamente, polo que a mellor opción sería contratar unha Empresa de Servizos Enerxéticos, con aforro garantizado dende o primeiro mes, sen endeudamento a longo plazo que pon en risco a sostenibilidade económica do noso concello. 

O voceiro, Nico Montes, critica este novo exemplo de “xestión ineficaz” e anuncia que o PP estudará presentar alegacións durante o período de exposición pública. 


 Grupo municipal do PP de Tui
Foto: Cedida

Infogauda / Tui

 O grupo municipal do PP de Tui vén de solicitar a anulación do préstamo de 3.176.793 euros que o Concello pretende contratar co Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Goberno de España, para a renovación soamente de 4.721 luminarias. 

 Os populares consideran que este crédito é excesivamente gravoso para unhas arcas municipais xa debilitadas e reclaman ao goberno socialista que rectifique esta medida —aprobada en pleno co apoio do BNG— e busque solucións alternativas que non supoñan máis débeda nin comprometan a estabilidade orzamentaria. 

 O PP deixou claro que apoia a modernización do alumeado e as medidas de eficiencia enerxética, pero lamenta que o executivo local non aproveitase as anteriores convocatorias de axudas a fondo perdido, das que si se beneficiaron outros concellos da provincia. 

 “Chegados a este punto, o goberno escolleu a vía máis fácil, a do préstamo, pero tamén a máis custosa e prexudicial para as contas municipais. Esta decisión suporá axustes en servizos e investimentos, e afectará á estabilidade financeira do Concello”, explican desde o grupo popular. 

 O voceiro municipal, Nico Montes, advertiu que a renovación do alumeado mediante un préstamo a pagar en dez anos ao que se engadirán outros 130.482 euros anuais durante 8 anos mais para completar a amortización “é un erro de planificación grave”. 

 “Despois de dez anos, as luminarias estarán obsoletas e deterioradas, e haberá que volver investir. Mentres tanto, o Concello seguirá pagando un préstamo que nin sequera garante unha actualización tecnolóxica continua”, subliñou Montes.  

 O edil popular lembrou ademais que o Concello “actúa sen unha análise técnica seria nin unha planificación global, nun contexto de remanente de tesourería xa moi reducido que non chega ós tres millóns de euros, e que está en constante descenso”. 

 Como alternativa, o PP de Tui propón seguir o modelo de Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE), un sistema moito máis eficiente e sen riscos, que permite modernizar o alumeado e o resto de instalacións enerxéticas sen investimento directo nin incremento da débeda. 

 Neste sentido, puxeron como exemplo o Concello do Porriño, que optou por este modelo integral de xestión e inclúe non só as luminarias, senón tamén o consumo enerxético de todos os edificios municipais, pavillóns, centros educativos e mesmo os sistemas de calefacción e gasóleo. 

 A empresa adxudicataria realizará unha inversión inicial de 9 millóns de euros para a modernización completa do sistema enerxético do municipio, e o Concello limítase a pagar o mesmo custe que está pagando na actualidade e que cobre todos os consumos e mantemento, sen endebedarse nin asumir risco financeiro ningún. 

 “Non falamos só de cambiar bombillas, senón dun proxecto integral que mellora o aforro, moderniza instalacións e garante tecnoloxía actualizada durante anos, sen hipotecar o futuro das contas municipais”, destacou Montes. 

 Finalmente, o voceiro popular cualificou esta decisión como “un novo episodio de xestión ineficaz e improvisada do PSOE tudense”, e anunciou que o PP estuda presentar alegacións formais contra o crédito aprobado en pleno agora que se abriu o período de exposición pública. 

 Montes concluíu afirmando que “Tui non pode seguir hipotecándose por falta de planificación. O futuro económico do Concello non se pode xogar a crédito”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario