21 de out. de 2025

O ROSAL

O Rosal encherá a fin de semana de música e teatro no auditorio municipal   

O Concerto de Outono polo 21º aniversario da Coral da Agrupación Musical do Rosal e a obra ‘Retrincos de Castelao’ achegarán cultura e diversión para todos os públicos 

 



Infogauda / O Rosal  

 O Rosal prepárase para unha fin de semana cultural intensa e enriquecedora, no que o Auditorio Municipal se converterá nun centro de actividade artística e social. Durante dous días, a veciñanza terá a oportunidade de gozar de propostas que combinan a música coral de alta calidade e a posta en escena teatral que acerca a historia e a cultura galega de maneira dinámica e accesible.  

 Este sábado 25 de outubro (20.00 h) a Coral da Agrupación Musical do Rosal celebrará o seu Concerto de Outono co gallo do seu 21º aniversario, un espectáculo que contará coa participación da Coral Polifónica de Campo Lameiro, da Coral Airiños da Capela (A Coruña) e a propia Coral da AMDOR. A entrada será de balde e ademais de música de calidade, o concerto contará cunha sorpresa especial para o público asistente. 


Unha escea da obra ‘Retrincos de Castelao’, protagonizada por Fran Rei e Isabel Risco, baixo a dirección de Diego Rey

 Xa o domingo 26 de outubro, ás 19.00 h, será a quenda do teatro coa representación de ‘Retrincos de Castelao’, protagonizada por Fran Rei e Isabel Risco, baixo a dirección de Diego Rey. A obra ofrece un achegamento ao humor e á visión do inmortal autor rianxeiro, percorrendo de maneira divertida a Galicia da súa época e permitindo ao público reflexionar sobre a nosa historia e raíces. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “estes dous días de cultura demostran o compromiso do Concello coa promoción artística e o acceso a actividades de calidade para toda a veciñanza. A música e o teatro son ferramentas de encontro, aprendizaxe e diversión que enriquecen a vida da nosa comunidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario