28 de out. de 2025

O ROSAL

O Rosal pon o foco na pornografía para abrir un novo ciclo dos ‘Cafés en Igualdade’ 

 A primeira charla, impartida pola educadora social Lucía Pereda, abordará o impacto que ten na mocidade e nas familias  

 Será este xoves 30 de outubro ás 17.30 h no restaurante As Brasas  




Infogauda / O Rosal 

 A pornografía será o punto de partida dun novo ciclo de reflexión, pensamento crítico e igualdade no Rosal. O Concello lanza unha nova edición dos ‘Cafés en Igualdade’, un ciclo de encontros mensuais que busca fomentar o diálogo, compartir experiencias e analizar cuestións de actualidade vinculadas ao xénero, ao feminismo e aos coidados desde a vida cotiá da veciñanza. 

 Na primeira cita a educadora social e axente de igualdade Lucía Pereda afondará sobre a pornografía e o seu impacto na mocidade, un encontro no que achegará ás familias á realidade actual, ofrecerá ferramentas para que as familias poidan afrontar as consecuencias que o consumo de pornografía ten en nenos e nenas e lles dará armas para que rapaces e rapazas poidan desenvolver unha conciencia crítica fronte á desigualdade e á violencia contra as mulleres presente neste contido. Será este xoves 30 de novembro ás 17.30 h no restaurante As Brasas con entrada de balde.  

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “os ‘Cafés en Igualdade’ son un espazo para pensar xuntas e xuntos, para abrir debates necesarios e crear comunidade arredor da igualdade real. Este primeiro encontro aborda un tema tan complexo como necesario, que afecta directamente á nosa mocidade e ás familias”. 

 Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, subliñou que “queremos que este ciclo sexa unha ferramenta de transformación social, un lugar seguro onde a veciñanza poida reflexionar, cuestionar e aprender colectivamente sobre temas que están a marcar o noso tempo”. 

 Con esta nova edición dos ‘Cafés en Igualdade’, o Concello do Rosal continúa revolucionando mentes e reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis xusta, crítica e consciente, promovendo espazos de encontro onde a igualdade e o diálogo se dean a man. 

 O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero 2023-2024, consolidándose como unha iniciativa que combina educación, participación cidadá e compromiso coa igualdade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario