Oficina da Enerxía achega o proxecto O Rosal Enerxía á veciñanza da Videira
• O Concello promove un modelo enerxético máis sostible, participativo e eficiente e achega alternativas de aforro á veciñanza
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal segue impulsando o proxecto O Rosal Enerxía, unha comunidade enerxética local promovida desde o propio Concello coa finalidade de fomentar un modelo máis sostible, participativo e eficiente no uso da enerxía. A pasada fin de semana, tras a implicación da traída de augas veciñais da Videira e coincidindo coa asemblea anual da Comunidade de Augas, persoal técnico da Oficina da Enerxía participou no encontro para dar a coñecer á veciñanza o funcionamento deste proxecto e as vantaxes de formar parte del.
Durante a sesión explicouse que O Rosal Enerxía se está a desenvolver no núcleo urbano do Calvario como primeiro paso cara á implantación doutros proxectos semellantes noutras zonas do municipio. Así mesmo, presentouse á veciñanza da Videira unha alternativa de aforro máis inmediata, baseada na compra conxunta de enerxía, coa que poder reducir custos na factura eléctrica mentres se avanza cara a modelos colaborativos de produción renovable.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “O Rosal Enerxía é un proxecto pioneiro que sitúa ao noso concello na vangarda da transición enerxética local, permitindo que a veciñanza participe activamente na produción e xestión de enerxía sostible. Unhas iniciativas que non só melloran a eficiencia enerxética no noso municipio, senón que tamén crea oportunidades de aforro real para as familias e contribúen a loitar contra o cambio climático”.
O equipo da Oficina da Enerxía aproveitou tamén para ofrecer asesoramento personalizado e gratuíto, convidando ás persoas asistentes a remitir a súa última factura eléctrica co fin de analizar posibles melloras contractuais e identificar oportunidades de aforro ou optimización.
O encontro na Videira forma parte da estratexia municipal de divulgación, coa que se pretende achegar os principios da transición enerxética a toda a cidadanía rosaleira, apoiando ás comunidades de montes, de augas e asociacións veciñais na identificación de oportunidades para producir, xestionar e consumir enerxía de forma máis eficiente e sustentable.
A Oficina da Enerxía do Rosal é un espazo de acompañamento e capacitación dirixido á cidadanía, pequenas empresas e entidades locais. Está situada no Centro Social Polivalente do Rosal e conta cun horario de atención telefónica de luns a venres, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas, no teléfono 677 73 73 21 ou no correo oficina@enerxia.eu. Ademais, atende de forma presencial os xoves neste mesmo horario.
As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario