22 de set. de 2025

VIGO

Reclaman a apertura de centros de saúde con dotacións propias na área sanitaria de Vigo para rematar coa sobrecarga do persoal 

A Comisión de Centro de Atención Primaria entregou hoxe 2.000 sinaturas contra o traslado de pediatría de Coia e o peche do CS de Nicolás Peña 


A representación do persoal fixo entrega hoxe no rexistro do Sergas na cidade de preto de 2.000 sinaturas contra o traslado de pediatría de Coia e o peche do centro de saúde de Nicolás Peña
Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 A Comisión de Centro de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo considera que a apertura do centro integral de saúde Olimpia Valencia é unha “oportunidade perdida” para crear un centro de saúde con dotación propia “que remate coa sobrecarga dos centros actuais e mellore os servizos sanitarios limítrofes”. A representación do persoal fixo entrega hoxe no rexistro do Sergas na cidade de preto de 2.000 sinaturas contra o traslado de pediatría de Coia e o peche do centro de saúde de Nicolás Peña. 

 A Comisión de Centro lembra que a necesidade de novos centros de saúde “é un imperativo na nosa área sanitaria, pero non resolve o principal problema na atención primaria, que é a sobrecarga dos profesionais. Precisamos centros con dotación propia e non só novos espazos de traballo”. 

 Polo que a apertura do centro Olimpia Valencia nestas condicións levaría a perder para a atención primaria espazos como o centro de saúde de Nicolás Peña, “un centro cun bo funcionamento, o que suporía a sobrecarga do centro máis próximo, o centro de saúde de Pintor Colmeiro, non cumprindo así a premisa de descargar os centros no que se refire á asistencia sanitaria”. 

 Ademais, a centralización da pediatría dos centros limítrofes como o de Coia suporía un cambio de modelo asistencial e confrontaría coas recomendacións das sociedades científicas pediátricas e co concepto de Atención Primaria, “que contempla a continuidade asistencial durante toda a vida, rompendo os equipos de traballo e dificultando as transicións asistenciais e a lonxitudinalidade nos equipos de atención primaria”. 

 Neste senso, consideran que o plan funcional presentado polo Sergas non suporá unha mellora na calidade asistencial da poboación, senón que será un transvase de profesionais duns centros a outro. “O Olimpia Valencia non debe ser só un edificio moderno e con espazos amplos, senón tamén un centro cunha nova dotación de profesionais que permita a incorporación de novas categorías”. 

Un proxecto escurantista 

 Ao mesmo tempo, amosan o seu malestar e a súa desconformidade pola falta de información “veraz e por escrito” sobre o novo centro. E denuncian que o pasado mes de xuño recibiron información sobre o Plan Funcional de 2019, que non foi trasladada no seu momento á representación legal das persoas traballadoras. Tampouco se lles facilitou o Plan Funcional actualizado tras numerosas solicitudes dende o inicio da súa construción. 

 “A falta de información supón unha indefensión para as persoas traballadoras, que poderían verse afectadas polo actual traslado ao pechar definitivamente o seu centro de traballo ou pola obriga de traslado forzoso, o que suporía unha modificación nas condicións de traballo”. 

Creación de prazas 

 Tras a presentación dunha alegación á totalidade do plan funcional e froito das negociacións, a administración quere pechar a negociación incorporando a creación dalgunha praza de nova creación nas categorías de Odontoloxía, Hixienistas Bucodentais, Farmacéutica, Traballadora Social, Psicóloga, TCAE, Fisioterapeuta e Nutricionista. 

 “Valoramos positivamente esta incorporación no plan funcional, pero consideramos que é insuficiente, xa que tamén se precisan prazas de nova creación en outras categorías fundamentais (médicas de familia, enfermería, persoal administrativo, etc) ou categorías que amplíen a carteira de servizos”. 

Recollida de sinaturas 

 Representantes da Comisión de Centro trasladáronlle estas cuestións aos medios de comunicación na rolda de prensa celebrada este mediodía ás portas da delegación viguesa do Sergas, a cuxo remate fixeron entrega no rexistro das sinaturas recollidas nos centros de saúde de Coia (en contra do traslado da pediatría) e de Nicolás Peña (en contra do peche do centro de saúde). “Son preto de 2.000 sinaturas de pacientes destes centros, nos que se continúa recollendo apoios rexeitando a decisión da xerencia, que repercutirá negativamente sobre usuarias e profesionais”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario