22 de set. de 2025

PONTEVEDRA

Luis López presenta a Cátedra do Deporte, unha alianza entre a Deputación e a Universidade de Vigo para estender a provincia do deporte ao eido do coñecemento 

O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, salienta a colaboración coa Universidade de Vigo para mellorar a calidade de vida dos deportistas a través dun programa sobre deporte e lesións no que a Deputación inviste 50.000€


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, a directora de deportes da Deputación, Xisela Aranda e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, no acto de presentacIón da cátedra do Deporte
Foto: D.PO.

Infogauda / Vigo

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta a Cátedra do Deporte, unha nova iniciativa do organismo provincial en materia deportiva para engadir, en colaboración coa Universidade de Vigo, o eido do coñecemento á provincia do deporte. Na Casa das Campás deuse a coñecer este luns o contido dun programa que xira arredor da prevención e o tratamento de lesións nos deportistas e inclúe unha mesa redonda, un congreso e un estudo. “Hoxe damos un novo paso adiante para ser tamén a provincia do deporte no ámbito do coñecemento e a mellor forma de conseguilo non podía ser outra que a alianza cunha institución coma a Universidade de Vigo”, afirmou o mandatario provincial, acompañado neste acto polo vicepresidente Rafa Domínguez e a directora de deportes da Deputación, Xisela Aranda.  

 A través dun convenio de colaboración, a Deputación achega 50.000 euros para a posta en marcha desta Cátedra do Deporte. Un evento que se inaugura este venres na Casa das Campás cunha mesa redonda na que participarán o triatleta pentacampión do mundo, Javier Gómez Noya; a mellor nadadora de España na especialidade de salvamento, Antía García; a medallista olímpica e actual seleccionadora nacional de natación artística, Andrea Fuentes Fache; e a sete veces campioa de España de squash e actual directora de deportes da Deputación, Xisela Aranda. Unha conversa sobre o deporte e as lesións que estará moderada pola deportista e xornalista Sara Tabares. O evento comezará ás 19.30 horas e os interesados en asistir poden reservar a súa praza a través do formulario desta ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScY28QpJTqx9k1AeG1acuex4p3dvRdDpnx6OoRFc15sE46qBA/viewform?pli=1. Entre o 13 e o 14 de novembro terá lugar en Pontevedra o primeiro congreso internacional de fisioterapia no deporte feminino e entre os deportistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva levarase a cabo un estudo científico para mellorar o rendemento e reducir a incidencia das lesións.  

 “Tendemos coa Universidade de Vigo, que é referencia a nivel mundial na investigación, socio indispensable para promover hábitos de vida saudable e unha mina inesgotable de grandes profesionais”, salientou o presidente Luis López nun acto no que tamén participou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. “É unha acción que busca fomentar a práctica do deporte e os hábitos de vida saudables entre toda a poboación, sen importar idade ou orixe; e unha proposta innovadora e de calidade que situará esta provincia nos grandes mapas da investigación e a divulgación dos beneficios da actividade física”, engadiu o mandatario provincial.  

 A posta en marcha desta Cátedra do Deporte supón un novo paso adiante na aposta do goberno provincial pola provincia do deporte, que vai máis aló da traxectoria dos deportistas e clubs da provincia, da acollida de grandes eventos deportivos ou da mobilización por parte da Deputación de preto de 20M€ para mellorar as instalacións deportivas da provincia, recalcou López. Para avanzar no eido do coñecemento ligado ao deporte, o mandatario provincial fixo fincapé tamén na importancia de establecer alianzas con outras administracións como a Universidade ou o CGTD que permitirán “mellorar a calidade de vida da veciñanza, neste caso dos deportistas”. Ademais, a posta en marcha deste programa será tamén un revulsivo a nivel turístico. “Coa celebración de eventos fora do verán, incidimos nun camiño do turismo sustentable, desestacionalizado e de calidade con propostas como esta Cátedra do Deporte”, concluíu o presidente da Deputación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario